O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou na presentación desta iniciativa

A Xunta segue reforzando as actividades interxeracionais na residencia Porta do Camiño cunha formación de oratoria para maiores

O obxectivo é que os usuarios do centro reforcen as súas habilidades e promover a interacción coa mocidade

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu hoxe á presentación dunha nova formación de oratoria para os usuarios da residencia Porta do Camiño, onde destacou que a Xunta segue reforzando as iniciativas interxeracionais que fomentan o encontro entre os maiores e as xeracións máis novas.

Este curso está dirixido aos maiores que viven neste centro residencial e será conducido por un grupo de mozas e mozos do club de debate Compostela, que achegarán aos usuarios as claves para realizar un bo debate a través de actividades dinámicas. Os participantes terán a oportunidade de formar pequenos grupos para defender as diferentes posturas arredor dun tema proposto. 

Neste sentido, Antón Acevedo sinalou que se trata dunha iniciativa innovadora e orixinal para fomentar as relacións interxeracionais entre as persoas maiores e a xuventude e combater as condutas idadistas. Deste xeito, destacou a importancia destas actividades para  promover a súa interacción e fomentar un envellecemento activo, fundamentais para o seu benestar; polo que avanzou que o obxectivo é estender tamén a formación aos usuarios do centro sociocomunitario situado nestas instalacións.

 

Data de actualización: 12/02/2025