Medio Rural investirá preto de medio millón de euros para a construción dunha nova base de unidades operativas en Valga

A conselleira María José Gómez salientou que esta nova infraestrutura permitirá que o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais concilie traballo e descanso

Está previsto que as obras se inicien no segundo semestre do ano para construír esta edificación de dúas plantas que disporá de todos os medios e equipamentos necesarios para facer máis eficiente a actuación na loita contra os incendios

A Consellería do Medio Rural conta cun orzamento de case 90 millóns de euros neste 2025 para tarefas tanto de prevención como de extinción de lumes

Valga (Pontevedra), 13 de febreiro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, presentou hoxe o proxecto da futura Base de Unidades Operativas (BUO) de Valga para favorecer a conciliación entre traballo e descanso do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

Esta nova infraestrutura conta cun orzamento de preto de medio millón de euros e, segundo destacou a conselleira, sumarase á rede de prevención, detección, intervención e defensa contra os incendios forestais espallada polo territorio galego. De acordo coas previsións, as obras comezarán no segundo semestre deste ano e rematarán ao longo do 2026.

A conselleira do Medio Rural explicou que o proxecto conta cun edificio de dúas plantas. Na inferior situarase unha sala de control, os vestiarios, garaxes, o almacén, baños e espazos para a distribución dos mesmos; na superior haberá unha oficina, a sala de xuntas e a emisora, así como un baño e unha terraza exterior. En definitiva, sinalou a titular do departamento, tanto bombeiros forestais como condutores de motobomba, axentes e outros integrantes do dispositivo disporán dun espazo dotado con todos os medios e equipamentos necesarios para facer máis eficiente a actuación na loita contra os incendios.

Ademais, segundo indicou María José Gómez, esta construción combinará o emprego de formigón e madeira impulsando a sustentabilidade do proxecto e facéndoo máis respectuoso co medio ambiente.

A maiores desta BUO, neste ano está previsto que se rematen as construcións das de Muíños, en Ourense, a de Mondoñedo, en Lugo; e a de Rianxo, na Coruña. A elas sumarase este proxecto da BUO de Valga, mantendo a aposta da Consellería do Medio Rural en materia de dotación de infraestruturas nos distritos forestais.

Prevención e loita contra os incendios

A Consellería do Medio Rural mantén o seu compromiso coa prevención e loita contra os incendios forestais e, por iso, neste ano destinará case 90 millóns de euros para esta cuestión, tanto para tarefas de prevención como de extinción de lumes. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2025