O presidente da Xunta acudiu á cerimonia de entrega dos galardóns do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, con Augas de Galicia como gañador

Rueda celebra o sobresaínte nivel da enxeñería galega e o seu compromiso coa sustentabilidade na entrega dos XIII Premios San Telmo

Destacou o labor realizado polo proxecto gañador, as actuacións na estación depuradora de augas residuais dos Praceres (Pontevedra), que conta co proceso de depuración de maior intensidade de toda Europa

Remarcou o compromiso da Xunta coas iniciativas medioambientais a través de, entre outras accións, a formación, a divulgación e a mellora da calidade das augas de Galicia

Pontevedra, 13 de febreiro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu hoxe ao acto de entrega dos XIII Premios San Telmo, entregados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, onde celebrou o sobresaínte nivel da enxeñería galega e o seu compromiso coa sustentabilidade ambiental.

Na cerimonia destes galardóns, que recoñecen ás mellores obras de enxeñería realizadas no período 2022/2023, o titular do Goberno galego destacou a colaboración entre administracións, a labor dos “magníficos profesionais” de enxeñería galegos, que “onde moita xente ve un obstáculo, eles ven un reto”, e das empresas construtoras, con obras recoñecidas en Galicia e no exterior, que axudan tamén a “facer territorio” e construír unha Galicia Calidade e Potente.

Rueda realizou estas declaracións nun evento no que se recoñeceu o labor de Augas de Galicia, entidade gañadora nesta edición. De feito, o departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, obtivo tanto o primeiro premio como o accésit por dúas accións desenvolvidas na estación depuradora de augas residuais (EDAR) dos Praceres (Pontevedra), un feito que o presidente agradeceu.

O proxecto gañador foi a reforma realizada na depuradora, que tras esta intervención se converteu na instalación deste tipo con maior intensidade de toda Europa, tanto por caudal como por volume. De feito, esta infraestrutura ten capacidade para dar servizo a preto de 260.000 persoas, depurando por cada metro cadrado de superficie a contaminación producida por 100 persoas.

Mentres, o accésit recaeu no emisario submarino da instalación dos Praceres, que conta cunha lonxitude de 3,6 quilómetros e que incluíu o emprego de tecnoloxía de perforación e construción de túneles pioneira en España.

Rueda subliñou que esta é unha obra moderna que dá calidade ás nosas rías, “fonte de riqueza”, e que non puido ter mellor final que ser recoñecida co galardón. Ademais, sinalou que estes recoñecementos contribúen a poñer en valor o compromiso da Administración galega coa sustentabilidade e “manter o entorno”, para o que estas obras son imprescindibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2025