A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á Conferencia Sectorial de Enerxía
Lorenzana reclama ao Goberno que a nova planificación eléctrica garanta a subministración que precisan os proxectos industriais previstos en Galicia
Sinala que medidas como a repotenciación, que implica un incremento da xeración, tamén precisan un reforzo nas redes de transporte de enerxía
Destaca que, dada a vinculación que a eólica mariña pode ter con determinados proxectos industriais, tamén se teña en conta a importancia de reforzar os nós de evacuación nas zonas próximas a onde se vaian instalar estes parques
Madrid, 13 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe que a nova planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica 2025-2030 asegure a subministración aos proxectos industriais previstos en Galicia, que precisarían 1.200 MW adicionais.
Lorenzana asistiu hoxe á Conferencia Sectorial de Enerxía, onde lembrou que esta é unha demanda que a Xunta de Galicia leva trasladado en reiteradas ocasións a través das alegacións presentadas á modificación do actual Plan de desenvolvemento da rede de transporte de enerxía eléctrica 2021-2026.
Segundo apuntou, na actual planificación Galicia resultou moi penalizada con respecto aos anteriores porque mesmo coas modificacións aprobadas no 2024, a porcentaxe de investimento na comunidade soamente representou un 2,6 por cento do total (case 190 M€), fronte o 6,7 por cento do período 2015-2020.
A conselleira sinalou que o novo plan debe ter en conta que o aumento da xeración renovable no sistema eléctrico ten que ir acompañada das infraestruturas de rede necesarias, igual que medidas como a repotenciación, que implica un incremento da produción e precisa un reforzo no sistema de transporte.
Na mesma liña, e de acordo ás alegacións presentadas por Galicia á futura planificación, Lorenzana destacou que, dada a vinculación que a eólica mariña pode ter con determinados proxectos industriais, tamén se teña en conta a importancia de reforzar os nós de evacuación existentes ou proxectar outros novos nas zonas próximas a onde se vaian instalar estes parques, co obxecto de que a Comunidade galega estea presente desde un primeiro momento no desenvolvemento da eólica mariña. Neste sentido, a conselleira de Economía e Industria recordou que este sector pode constituír unha oportunidade industrial única para Galicia, sempre que se garanta a compatibilidade co medio mariño e o sector pesqueiro.
Plan Moves III
Ao termo da xuntanza, Lorenzana tamén fixo mención ao Plan Moves III para reclamar que se aprobe un novo con menos burocracia e un desconto directo para os beneficiarios, tal e como fai a Xunta de Galicia coas súas axudas. E, do mesmo xeito, tamén considerou necesario que se dea unha solución ás solicitudes presentadas entre o 1 e o 22 de xaneiro de 2025, cando aínda estaba en vigor o decreto que o desenvolve.