A Xunta ofrece colaboración ao empresariado da Ribeira Sacra para impulsar a súa competitividade e dinamizar o territorio

Monforte de Lemos (Lugo), 13 de febreiro de 2025

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu hoxe en Monforte de Lemos á presentación do Plan Director da agrupación empresarial Ribeira Sacra Next, que recolle as liñas estratéxicas polas que se guiará o colectivo para contribuír á dinamización económica da zona.

Arias destacou que o impulso deste territorio “é un reto común no que contan coa colaboración do Goberno galego”, que ofrece ás empresas e autónomos distintos programas e ferramentas para mellorar a súa competividade e xerar riqueza e emprego na contorna.

Entre estes apoios destacou as 14 liñas de axudas que acaba de activar o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) por valor de 172 millóns de euros para  promover a innovación, a dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo e a orde unificada da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de máis de 40 millóns de euros coas axudas específicas para o colectivo de autónomos.

Tamén subliñou o fomento do emprendemento a través da rede de Polos que se está a despregar por toda a Comunidade. Monforte de Lemos conta cunha oficina na que se pode obter asesoramento gratuíto para iniciar un negocio que aproveite a riqueza e os recursos da zona; ou para mellorar un que xa está en marcha.

Data de actualización: 13/02/2025