A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participa na entrega dos Premios da Asociación Empresarias de Galicia
A Xunta pon en valor o papel das empresarias no impulso do emprendemento e o liderado das mulleres na economía galega
Fabiola García subliña o protagonismo feminino na posta en marcha de proxectos innovadores e de calidade que contribúen a dinamizar a actividade produtiva
Insta ás premiadas e ás integrantes da asociación a traballar conxuntamente para acadar unha sociedade máis equitativa, plural e xusta
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe na entrega dos premios anuais Empresarias de Galicia, organizado pola Asociación Empresarias de Galicia, e que recoñecen o talento empresarial feminino da nosa Comunidade. Ao acto tamén asistiu a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.
Durante a cerimonia, a conselleira subliñou o papel fundamental das empresarias galegas no liderado de iniciativas e proxectos que contribúen tanto á dinamización do tecido produtivo como ao benestar do conxunto da cidadanía galega. Neste senso, agradeceu o compromiso e a cooperación da Asociación Empresarias de Galicia na visibilidade do talento feminino no mundo empresarial.
Fabiola García subliñou a importancia de fomentar dinámicas que permitan avanzar cara unha sociedade máis equitativa e plural, e destacou o papel inspirador das galardoadas nesta edición como pioneiras nos seus respectivos eidos e exemplo de dedicación e innovación.
Do mesmo xeito, salientou o compromiso da Xunta co liderado feminino como factor diferencial de calidade mediante o impulso da colaboración público-privada e das iniciativas lideradas por mulleres. A conselleira sinalou que este ano se presentou unha partida orzamentaria récord para a promoción da igualdade por 28M€, e que Galicia figura como unha das Comunidades con maior presenza feminina en postos de dirección.
Na súa intervención, Fabiola García instou ás premiadas e ás responsables da Asociación Empresarias de Galicia a seguir traballando conxuntamente en proxectos en prol da equidade, do liderado feminino e do desenvolvemento económico e profesional das mulleres.
Premiadas en 2025
As empresarias galardoadas nesta edición dos Premios Empresarias de Galicia inclúen a Sara Rodríguez, presidenta de Hermasa Canning Technology, recoñecida como Empresaria do Ano; Emma Lustres, de Vaca Films, pola súa traxectoria profesional; Elena Vitoria, directora executiva de Salmoira; Eva López, directora de Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela, e Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta de Vigo.