A Xunta realiza un seguimento dos areais da comarca do Barbanza para comprobar o seu estado ante aparicións puntuais de pellets en varias praias
O Executivo galego, que apela á prudencia e responsabilidade do resto de administracións, constatou a presenza testemuñal de partículas nalgunhas praias e continuará traballando sobre o terreo para calibrar as dimensións deste episodio
O dispositivo posto en marcha como medida preventiva ten previsto visitar unha vintena de praias nestes días co fin de actuar coa máxima celeridade en caso de atoparse unha maior concentración de granulados plásticos
A Administración galega lembra que aínda non recibiu ningunha cantidade pola reclamación dos custos nos que incorreu pola limpeza das praias tralo incidente do Toconao e que defendeu en Bruxelas a necesidade de endurecer a normativa europea co obxectivo de mellorar a seguridade marítima e a protección do medio ambiente
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia está a realizar un seguimento das praias na comarca do Barbanza para comprobar o seu estado ante a aparición puntual de pellets nalgunhas delas. O Executivo galego constatou a presenza testemuñal de granulados plásticos de pequenas dimensións nalgúns areais -noutros non se observaron restos- ao tempo que procedeu a retiralos, polo que se están a realizar visitas sobre o terreo noutras zonas para avaliar a situación e calibrar de xeito global as dimensións deste episodio.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten planificada a visita de arredor dunha vintena de praias nestes días con fin de coñecer o seu estado e determinar se se amplía o radio de acción máis aló da comarca do Barbanza. Trátase dunha medida preventiva que ten como fin estar preparados para actuar coa máxima celeridade en caso de atoparse zonas con maior concentración de pellets.
De feito, en función do resultado desas comprobacións e da magnitude dos feitos, a Xunta decidirá se é convinte adoptar outras medidas como a posible activación do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) en fase de alerta ou o envío de mostras a laboratorio para determinar se se trata de restos da mercadoría perdida polo buque mercante Toconao fronte ás costas de Portugal en decembro de 2023 ou teñen unha orixe diferente. O Servizo de Gardacostas de Galicia, pola súa banda, non ten constancia de ningún aviso.
A Xunta apela á responsabilidade e pide prudencia ante este episodio á espera de contar con máis detalles sobre a súa dimensión ao tempo que defende a necesidade de que todas as administracións competentes -Goberno central ou concellos- actúen con dilixencia e informen ao Executivo autonómico en caso de que conten con datos relacionados con esta cuestión.
Neste sentido, o Goberno galego lembra o escurantismo e o inmobilismo que caracterizaron a xestión do incidente do Toconao por parte da Administración central, que tampouco actuou con celeridade na reclamación aos responsables do incidente dos custos nos que incorreu Galicia para a limpeza das praias, que ascendeu a máis de 2,3 millóns de euros. De feito, a Xunta aínda non recibiu ningunha cantidade procedente desa reclamación, que ten que centralizar o Goberno central ao ser un suceso en augas doutro país e que afectou, ademais de a Galicia, a outras comunidades do Cantábrico.
O caso do ‘Toconao’
A chegada á costa galega de pellets pola perda dun contedor do Toconao con este material -levaba preto de 150 sacos de 25 quilos- implicou a mobilización dun dispositivo da Xunta que chegou a ter máis de 400 efectivos que retiraron arredor de 3.650 quilos de granulados plásticos, aos que se engadiron preto de 1.400 quilos recollidos a pé de praia por voluntarios ou polos concellos.
A raíz deste episodio, Galicia defendeu ante a Comisión Europea a necesidade de endurecer a normativa para mellorar a seguridade no transporte marítimo e evitar que se repitan casos coma este. De feito, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu en decembro no Consello de Ministros de Medio Ambiente da Unión Europea a transcendencia de avanzar neste eido co fin de mellorar a protección do medio ambiente e dos espazos marítimos e litorais.