O Consorcio Provincial Contra Incendios e Salvamento de Ourense aproba o primeiro convenio colectivo e a modificación da relación de postos de traballo
Na xuntanza da entidade celebrada esta mañá participou por parte do Goberno galego o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, en calidade de vicepresidente do organismo
Ourense, 14 de febreiro de 2025
O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contra incendios e Salvamento de Ourense, integrado pola Xunta e a Deputación Provincial de Ourense, aprobou hoxe o primeiro convenio colectivo para o persoal operativo dos parques de bombeiros dependentes desta entidade, así como a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do servizo.
Ambos os acordos aprobáronse no transcurso das convocatorias da comisión negociadora do convenio e da mesa xeral de negociación do Consorcio, ambas celebradas no Pazo Provincial. Tamén nesta mesma mañá se celebrou o pleno da entidade, que ratificou a aprobación do convenio colectivo e a aprobación inicial da RTP.
O convenio colectivo e a RPT serán de aplicación aos 72 bombeiros (18 por centro de traballo) que prestan os seus servizos nos parques do Carballiño-Ribeiro, Valdeorras, Xinzo de Limia e Verín.
A aprobación supón a culminación da negociación iniciada despois de que, en febreiro do pasado ano, representantes da Xunta, das deputacións provinciais e dos sindicatos, pecharan un acordo para os parques dos consorcios provinciais contra incendios.
O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.