Medio Rural apoia con máis de 200.000 euros á cooperativa Aranxes para promover a adquisición de maquinaria agrícola en réxime asociativo

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe unha das instalacións desta empresa no concello de Aranga, beneficiaria das axudas para a adquisición de maquinaria

Sinalou a importancia de fortalecer o cooperativismo agrario para aumentar a competitividade das explotacións rurais, e lembrou o apoio da Consellería para a modernización do sector

O pasado ano destináronse 6 millóns de euros en dúas convocatorias destas axudas, cas cales se beneficiaron a 61 empresas do sector agrogandeiro

Aranga (A Coruña), 23 de xullo de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe as instalacións da cooperativa Aranxes en Aranga, unha entidade dedicada á produción agraria e gandeira, que foi beneficiaria no 2025 dunha axuda de máis de 200.000 euros para a adquisición de maquinaria agrícola en réxime asociativo. 

En concreto, esta empresa recibiu unha achega para a adquisición dun tractor e de dúas trituradoras agrícolas. Estas novas máquinas teñen múltiples beneficios para o desenvolvemento do traballo agrogandeiro, como a redución dos custos de produción, unha maior seguridade para o operario, a posibilidade de desenvolver unha agricultura de precisión e lograr unha maior eficiencia medioambiental. Cabe destacar que nos últimos anos Aranxes recibiu máis de 1,8 millóns de euros de axudas de maquinaria en réxime asociativo.

Estas achegas teñen como obxectivo promover a utilización e equipamentos agropecuarios en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías. Ademais, favorecen a racionalización dos custos de mecanización, incrementan os mecanismos de seguranza no traballo, reducen as emisións contaminantes e fomentan o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Na visita, Balseiros recordou que a Consellería do Medio Rural segue apostando por iniciativas que fortalecen o cooperativismo agrario como unha ferramenta clave incrementar a competitividade das explotacións e dinamizar o territorio. Deste xeito, o apoio á modernización do sector consegue unha mellora da rendibilidade das explotacións, pero tamén da calidade de vida das persoas que viven e traballan no rural galego. Un exemplo do potencial deste eido produtivo é Aranxes, que conta cunhas 800 hectáreas de cultivos e produce máis de 15.000.000 litros de leite ó ano.

Convocatoria de 2025

Cómpre lembrar que o pasado ano destináronse a estas axudas 6 millóns de euros, cos cales se beneficiaron en total 61 empresas. En concreto, impulsáronse dúas convocatorias, a primeira con 3,6 millóns de euros para 27 cooperativas; e unha segunda coa que se beneficiaron outras 34 entidades cun investimento a maiores de 2,4 millóns.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026