O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e pola presidenta de Fegerec, Francisca Luengo
A Xunta renova a súa colaboración con Fegerec na rehabilitación fisioterapéutica das persoas con enfermidades raras e neurodexenerativas
O Servizo Galego de Saúde incrementa a súa achega ata os 32.803 euros para a atención especialmente dirixida ás persoas con limitacións funcionais que poidan mellorar mediante a rehabilitación fisioterapéutica especializada
O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias, manter ou aumentar a autonomía nas actividades da vida diaria e previr complicacións respiratorias, musculoesqueléticas, circulatorias ou ortopédicas
O convenio enmárcase nas medidas previstas na Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030 da Xunta, que conta cun investimento de case 400 M€
Santiago de Compostela, 10 de agosto 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a presidenta de Fegerec, Francisca Luengo, asinaron a renovación do convenio de colaboración que permita, a través da fisioterapia especializada, realizar rehabilitación a pacientes con enfermidades raras e neurodexenerativas.
No acto de sinatura tamén participaron a subdirectora xeral de Atención á Saude Mental do Servizo Galego de Saúde, Almudena Díaz, e a xefa do Servizo de Atención á Saúde Mental e a directora sociosanitaria da Federación galega de enfermidades raras e crónicas, Carmen López.
A Xunta incrementa a súa achega ata os 32.803 euros para a atención especialmente dirixida ás persoas con limitacións funcionais que poidan mellorar mediante a rehabilitación fisioterapéutica especializada.
En concreto, o obxectivo é mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias, manter ou aumentar a autonomía nas actividades da vida diaria e previr complicacións respiratorias, musculoesqueléticas, circulatorias ou ortopédicas.
A rehabilitación con fisioterapia especializada tamén favorece a adhesión aos tratamentos dos pacientes con enfermidades raras e neurodexenerativas.
Reforzo da atención ás enfermidades raras
Este convenio enmárcase nas medidas que está a poñer en marcha a Xunta no marco da Estratexia Galega en Enfermidades Raras 2025-2030, que prevé un investimento de 396 millóns de euros para distintas liñas de actuación.
Entre as melloras incluídas no plan está a colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e Fegerec para impulsar un proxecto pioneiro de rehabilitación funcional domiciliaria de pacientes pediátricos con enfermidades raras.
A poboación diana son pacientes menores de 15 anos con diagnóstico ou sospeita dunha enfermidade rara, en seguimento polo servizo de rehabilitación de referencia do Servizo Galego de Saúde.
Por medio deste novo programa proporciónase aos pacientes, no seu domicilio, a rehabilitación funcional prescrita polo facultativo especialista en medicina física e rehabilitación de referencia do Servizo Galego de Saúde. Ademais, promóvese a autonomía do paciente nas actividades da vida diaria, mellórase a calidade de vida do doente e poténciase a formación do coidador principal.
A rehabilitación funcional comprenderá as prestacións de fisioterapia, terapia ocupacional e logopedia.