O concello da Lama instala contadores intelixentes e adquire unha caldeira de pellets grazas ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta
O concello recibiu unha achega de máis de 65.000 euros
A liña non competitiva do FCA alcanzou a 15 concellos da área territorial de Pontevedra e contou cun orzamento de 478.000 euros
Os contadores serán instalados nos núcleos de poboación de A Pedreira, A Fonte e A Breixiña e a caldeira de pellets permitirá mellorar a eficiencia enerxética do Centro de Interpretación da Natureza
A Lama (Pontevedra), 17 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello da Lama, que instalou novos contadores intelixentes na rede de abastecementos e adquiriu unha nova caldeira de pellets grazas á liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
O concello contou cunha achega de máis de de 65.500 euros que permitiu a adquisición e instalación destes sistemas de contaxe que facilitan o traballo de recolección de datos, permitindo realizalo dende o coche a través dun smatphone, sen necesidade de baixar a comprobar de forma individual cada contador. A subvención permitiu instalar este sistema nos núcleos de poboación de A Pedreira, A Fonte e A Brexiña. Ademais, a instalación da caldeira de pellets permite mellorar o sistema de calefacción do Centro de Interpretación da Natureza da Lama, mellorando ademais a súa eficiencia enerxética.
Neste sentido, Reguera destacou a “importancia destas axudas que, ademais de mellorar e modernizar os sistemas utilizados polos municipios, permiten reducir os gastos correntes dos concellos”.
A liña non competitiva do FCA alcanzou a 15 concellos da área territorial de Pontevedra e contou cun orzamento de 478.000 euros.
O delegado territorial rematou a visita pondo en valor “o bo traballo do alcalde da Lama que conseguiu encontrar nestas subvencións autonómicas unha oportunidade para dar solución a algúns dos retos que enfronta o seu concello”.
FCA
O FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. As accións subvencionables inclúen os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio.
Entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio natural.