O presidente da Xunta reúnese con representantes da Fundación Galega contra o Narcotráfico
A Xunta reafirma o seu compromiso na loita contra o narcotráfico e o reforzo das medidas de prevención e atención a drogodependentes
Pediralle ao Goberno central, que ten as competencias, que avalíe a situación actual do tráfico de drogas na comunidade e tome as medidas necesarias
O Goberno galego destina neste ano 2025 preto de 12,4 millóns de euros para a atención ás adiccións desde equipos multidisciplinares
Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde unha reunión con membros da directiva da Fundación Galega contra o Narcotráfico aos que trasladou o firme compromiso do Goberno autonómico en loitar contra esta lacra que atenta contra o benestar, a seguridade e a saúde pública.
Durante o encontro, no que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente asegurou que o Goberno autonómico vai trasladar ao Ministerio do Interior -que ten as competencias na loita contra o narcotráfico- a necesidade de avaliar a situación actual de tráfico e entrada de drogas na comunidade para que tome as medidas que consideren necesarias co obxectivo de garantir o benestar de todos os galegos.
Ademais, Rueda lembrou na reunión o importante labor que realiza a Xunta en materia de prevención e atención as persoas drogodependentes, destinando este ano preto de 12,4 millóns de euros a apoiar as entidades sociais que atenden a pacientes con trastornos aditivos -8,3 millóns- e as unidades municipais -4 millóns-, e realizando diferentes programas e charlas sobre esta temática en centros escolares e outras entidades.