A Xunta inviste 30.000 euros na rehabilitación do lavadoiro e a fonte da Sobreira, no Concello de Meis
Os traballos foron posibles grazas á subvención a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas
Estas axudas deixaron preto de 270.000 euros en oito concellos da provincia de Pontevedra
Meis (Pontevedra), 18 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acudiu esta mañá ao lavadoiro cuberto da Sobreira, no concello de Meis. Alí visitou o resultado dos traballos de rehabilitación que se levaron a cabo tanto no propio lavadoiro, como na fonte contigua e que foron posibles grazas ás axudas a concellos de ata 10.000 habitantes para a mellora das infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia.
Trátase dunha achega de 30.000 que permitirá potenciar este atractivo turístico, converténdoo nun punto de gran interese para os millares de visitantes que cada ano pasan por Meis, ademais de recuperar un punto de encontro tradicional para os veciños e veciñas da zona.
En concreto, os traballos permitiron limpar a pedra granítica coa que está feita a construción, ademais de substituír a antiga cuberta por unha de madeira e texa cerámica e os piares de formigón por un piar da mesma pedra utilizada no resto do lavadoiro. Por último colocouse un novo pavimento de adoquín de granito na contorna da fonte.
Esta convocatoria conta cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros en toda Galicia, que beneficiaron a un total de 67 concellos, oito deles na provincia de Pontevedra cun investimento total de preto de 230.000 euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “seguir apostando pola conservación e rehabilitación do patrimonio cultural galego” e sinalou que este tipo de axudas de Turismo de Galicia “non só conseguen que milleiros de visitantes coñezan e valoran o que os nosos recursos patrimoniais, senón que tamén nos permite poñer en valor lugares moitas veces esquecidos pola propia veciñanza”.