O presidente da Xunta presenta os detalles do proxecto que permitirá realizar melloras nas instalacións do campo e que concluirán antes do comezo da tempada 2026/2027
Rueda anuncia a licitación da reforma do estadio Anxo Carro e remarca o compromiso da Xunta co fútbol galego
A intervención consta dun investimento de 3,8 M€ e permitirá reformar as principais bancadas do complexo deportivo
Esta medida súmase á ampliación da concesión da xestión do estadio, de titularidade autonómica, ao C.D. Lugo por 30 anos
Lugo, 18 de febreiro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a publicación da licitación das obras de mellora do estadio do Club Deportivo Lugo, o Anxo Carro, por valor de 3,8 millóns de euros. Unha reforma que contribuirá a transformar as principais bancadas do complexo deportivo e adaptalas así á realidade urbana. Segundo as estimacións, a intervención estará rematada para o comezo da tempada 2026/2027.
O xefe do Goberno galego definiu esta intervención como un salto de calidade para o club e a cidade co obxectivo de regresar ás máximas categorías do deporte profesional. Esta obra súmase a ampliación da concesión demanial aprobada nas últimas semanas pola Xunta, que permitirá que o club se responsabilice da xestión do estadio, de titularidade autonómica, durante os próximos 30 anos.
Rueda eloxiou o labor da entidade, cuxo impacto vai máis alá do deporte e beneficia ao tecido local, destacando a influencia da súa actividade no referido ao deporte feminino, ao deporte base e ás iniciativas en prol da inclusión.
Igualmente, o presidente salientou o momento de máximo esplendor que experimenta o deporte galego dentro e fóra do noso territorio, con máis licencias e deportistas de elite ca nunca, especialmente no eido do fútbol. A este respecto, asegurou que existe unha responsabilidade tanto pública como privada para fomentar este éxito, e apuntou á preservación dos recintos deportivos como parte dese compromiso.
Bo momento do fútbol galego
O fútbol constitúe un elemento esencial do bo momento que atravesa o deporte galego. Neste senso, dos máis de 300.000 deportistas federados que se desenvolven no noso territorio, máis dun terzo -por riba de 100.000 persoas- son futbolistas. E, dentro deste colectivo, dous de cada tres naceron a partir de 2007, un dato que reflicte o potencial do deporte base galego.