A Xunta imparte en Ferrol unha xornada informativa sobre os convenios de colaboración cos concellos para accións de prevención de incendios forestais
A delegada territorial, Martina Aneiros, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participaron no acto ao que se convidou ás entidades locais de toda a área territorial
A través destes convenios, a Consellería do Medio Rural financia actuacións de vehículos motobomba, a participación de brigadas de prevención e de extinción de incendios e a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado mediante a xestión da biomasa
Ferrol, 20 de febreiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, inaugurou esta mañá no salón de actos da Delegación unha xornada informativa para promover e facilitar a adhesión dos Concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal aos convenios de colaboración en accións de defensa e prevención de incendios forestais que cada ano ofrece a Consellería de Medio Rural ás entidades locais.
O acto, ao que asistiron representantes municipais dos Concellos Distrito Forestal I, xirou entorno á posibilidade de subscribirse aos devanditos convenios de colaboración definidos para as anualidades 2025 e 2026 para a realización de actuacións preventivas contra incendios forestais e tamén actuacións de vixilancia e extinción.
Segundo explicou Aneiros, contémplase a colaboración económica para actuacións de vehículos motobomba, brigadas e a realización de tratamentos preventivos de xeito mecanizado.
Na reunión informativa debullouse que, no caso das actuacións de vehículos motobomba, a axuda máxima é de 5.000 euros ao mes por motobomba, mentres que pola actuación de brigadas contra incendios forestais establécese unha contía de ata 40.000 euros -ata 21.000 euros de axuda por brigada polas tarefas de vixilancia e defensa e ata 19.000 euros por brigada no caso de tarefas de prevención-. Ademais pola realización de labores de xestión de biomasa vexetal a Consellería do Medio Rural achegará un importe de ata 350 euros por hectárea.
A delegada territorial remarcou a ameaza que os incendios forestais supoñen para o desenvolvemento do medio rural e incidiu na necesidade de promover actuacións preventivas para poder actuar contra este desafío.
Lembrou que o prazo para subscribirse a estes convenios remata o próximo 28 de febreiro e animou aos Concellos da zona que aínda non estean adheridos a sumarse. “As entidades locais constituídes o tecido básico territorial sobre o que se ten que desenvolver a política de prevención contra os incendios forestais”, asegurou e apuntou ao esforzo conxunto de todas as Administracións “para fortalecer as capacidades do territorio para protexer o medio ambiente e garantir a seguridade dos cidadáns e a conservación dos nosos espazos naturais”.