A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse cos alcaldes destas localidades da comarca de Ferrol

A Xunta e os concellos de Ares, Fene e Mugardos avalían vías de colaboración en materia de saneamento

Ángeles Vázquez reitera o compromiso do Goberno galego de continuar prestando o seu apoio técnico e económico ás entidades locais para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025

A Xunta de Galicia e os concellos de Ares, Fene e Mugardos acordaron avaliar vías de colaboración en materia de saneamento para ofrecer o mellor servizo á veciñanza.

Durante unha reunión que mantivo esta tarde cos rexedores de Ares, Julio Iglesias; Fene, Juventino Trigo, e Mugardos, Juan Domingo de Deus, a conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reiterou o compromiso da Xunta de continuar prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente.

Nesa liña, no encontro analizaron a posibilidade de que Augas de Galicia estude acometer algunha actuación que minore os caudais de augas residuais destes concellos. E a conselleira animou aos rexedores a solicitar algunha das diferentes liñas de financiamento que o organismo de conca convoca co obxectivo de axudar aos concellos a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2025