A Xunta ultima o despregamento da IA no ensino co proxecto EdugalIA, que xera interese en toda España
O conselleiro de Educación mantén unha reunión de traballo co equipo de asesores do proxecto, que inclúe investigadores das universidades galegas
Con case 10 M€, EdugalIA é o segundo proxecto de Galicia que máis financiamento recibe a través da Compra Pública Innovadora e o sexto dos 20 apoiados en España
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión co equipo de asesores do proxecto EdugalIA de intelixencia artificial no ensino, co obxectivo de ultimar os traballos para comezar o despregamento da IA no sistema educativo galego. A Xunta de Galicia logrou captar con este proxecto case 10 M€ de fondos europeos no proceso de Compra Pública Innovadora, o que converte a EdugalIA na segunda iniciativa galega con máis financiamento e a sexta de España entre os 20 proxectos que acadaron apoio.
Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, o conselleiro puxo en valor o traballo realizado no último ano, que posibilita que EdugalIA poida ser pronto unha realidade e estea a xerar xa gran interese en todo o Estado como referente na innovación educativa e no uso da intelixencia artificial.
EdugalIA contará cun orzamento total de 16,5M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional) para despregar a intelixencia artificial na xestión educativa. O seu obxectivo é optimizar o deseño e a avaliación de políticas públicas e previr o abandono escolar mediante esta ferramenta.
Abandono escolar e expediente único
A través deste proxecto, integraranse todas as fontes de datos para, por unha banda, crear por primeira vez o expediente dixital do alumnado, que o acompañará ao longo de toda a súa traxectoria académica e permitirá identificar posibles situacións de abandono temperá e abordalas. Por outra, desenvolverase un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada a alumnos e familias.
O equipo asesor de EdugalIA, composto por investigadores das universidades galegas e do CSIC e persoal técnico da Consellería, leva meses traballando para definir este proxecto de intelixencia artificial no ensino, o que garantiu o seu éxito na convocatoria de Compra Pública Innovadora do Ministerio de Ciencia, Universidades e Innovación. A reunión de hoxe pretende avaliar os últimos detalles co obxectivo de licitar a iniciativa en breve.