Belén do Campo anima aos comerciantes e artesáns a solicitar as axudas de 3,9 M€ para impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade dos seus negocios
A nova orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración abre o prazo de solicitude o próximo mércores, 26 de febreiro, ata o 26 de marzo
A delegada explicou que unha das principais novidades é o incremento da intensidade das axudas ata o 80% e a unificación das tres liñas de apoio
Estas medidas enmárcanse no Plan estratéxico do comercio 2025-2030, baixo o que se engloban outras axudas como as dirixidas aos centros comerciais abertos de Galicia
A Coruña, 24 de febreiro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, e polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitou os establecementos de Ordes, o taller de alta reloxería, José Luis Míguez Cristóbal e Tobío y Viaño Moda (Ekaté) para informar que, o mércores 26 de febreiro, está previsto que se abra o prazo das solicitudes da orde para impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos de 3,9 millóns de euros. Estes dos negocios foron beneficiarios destas axudas ao abeiro desta orde.
A delegada da Xunta explicou que a principal novidade a convocatoria, unifica, por primeira vez, estas tres liñas de apoios avanzado na simplificación administrativa e na procura da axilización das tramitacións co gallo de favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo de comercio innovador e sustentable nas cidades e vilas galegas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 26 de marzo en concurrencia no competitiva.
A representante do Goberno autonómico explicou que outro dos cambios significativos para os posibles beneficiarios é o incremento da intensidade das axudas ata o 80%, o ano pasado as axudas cubrían entre un 60 e un 75% da subvención.
3 liñas de apoios
A primeira das liñas de apoio contempladas, de dixitalización e innovación comercial, inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, entre outras. A contía máxima de axudas neste apartado é de 35.000 euros.
En relación á liña de modernización comercial, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluíndo a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións encamiñadas á mellora da eficiencia enerxética. Tamén contempla a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal. Neste caso, as axudas poden chegar aos 19.400 euros.
Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamos 100 %. Neste caso, o investimento máximo subvencionable é de 2.500 euros e a axuda máxima outorgada será de 2.000 euros.
Centros comerciais abertos
A delegada tamén aproveitou a visita para informar que, ata o 19 de marzo, tamén están abertas, outras axudas, por importe de 2,5 millóns de euros, para impulsar as actividades dos centros comerciais abertos de Galicia, reforzando a súa excelencia e a súa capacidade de dinamización das contornas nas que se integran. Belén do Campo animou a todas as entidades de comerciantes da provincia a solicitar estes apoios e concretamente a Asociación Aecor Centro Comercial Aberto de Ordes. O prazo estará aberto ata o 19 de marzo e o período para a resolución será de cinco meses a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación de solicitudes.
A representante do Goberno autonómico explicou que a Xunta lanza esta convocatoria de achegas incrementando o seu orzamento global e incorporando novidades para potenciar ao máximo estas figuras clave dentro do seu compromiso coa revitalización do comercio local como elemento esencial para o desenvolvemento económico e social das vilas e cidades galegas.
Así, a nova orde aposta polo réxime de concorrencia competitiva buscando primar a calidade e a excelencia das propostas de dinamización.
Detalles da convocatoria
Poderán concorrer a estas axudas as asociacións de comerciantes de carácter territorial e sen ánimo de lucro que, legalmente constituídas, que desenvolvan proxectos de interese para revitalizar a actividade comercial nas súas localidades. Tanto no caso das sete grandes cidades como do resto dos concellos, estes centros deben contar cunha antigüidade mínima de tres anos, unha xestión profesionalizada, delimitación territorial definida, diversidade de oferta comercial e, como mínimo, representar 50 negocios retallistas.
As axudas teñan como obxectivo incentivar o consumo e a atracción de clientes, co fin de incrementar as vendas. Para optar ás achegas, as agrupacións deberán presentar a planificación e desenvolvemento dun mínimo de seis campañas que conten coa participación directa dos comercios asociados e dos consumidores, así como a planificación de dúas accións formativas. Opcionalmente, tamén poden propoñen outras actuacións complementarias de fidelización e servizos para a clientela.
Os investimentos máximos subvencionables modúlanse en tres tramos, en función do número de comercios asociados: 65.000 euros no caso de que teñan 100 ou máis; 55.000 euros para os que teñan entre 70 e 99; e 40.000 euros para aqueles que se sitúen entre os 50 e os 69 negocios adheridos. Pola súa parte, a intensidade das axudas poderá oscilar entre o 70 e 90 %, segundo a puntuación acadada polas propostas presentadas, en cuxa valoración se terán en conta criterios como a disposición dun plan de comunicación, a capacidade da campaña para motivar á persoa consumidora ou captar clientela nova ou o seu carácter novidoso. Deste xeito, as achegas máximas da convocatoria poderán alcanzar os 58.500 euros.
De xeito extraordinario, do total do orzamento da convocatoria, resérvanse 250.000 euros para premiar as cinco mellores propostas, que poderán acceder a un apoio adicional para a realización de actividades de dinamización comercial extraordinarias que deben de ser levadas a cabo en coordinación cos concellos e outras asociacións.