A Xunta organiza en Cervantes tres cursos para voluntarios de Protección Civil en marzo e abril
Lugo, 24 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia organiza en Cervantes entre marzo e abril tres cursos destinados ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil, segundo anunciou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, nunha xuntanza con Óscar Fernández, portavoz do PP no concello.
O primeiro será un curso básico, que imparte a formación elemental necesaria para o exercicio das funcións propias do colectivo, e celebrarase os días 15, 16, 22 e 23 de marzo. O 5 de abril convócase unha xornada sobre a utilización e manexo dos desfibriladores externos, para poder realizar a reanimación cardiopulmonar en caso de emerxencia. E por último, o día 12 de abril comezará un curso sobre incendios urbanos e forestais, que se desenvolverá en cinco xornadas ata final de mes.
Na reunión abordáronse tamén outras iniciativas en marcha e proxectos de futuro do Goberno galego para o municipio.