Unha investigación conxunta de Medio Rural e a Garda Civil permite deter un presunto incendiario de Meaño

A colaboración entre axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Xunta e efectivos do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil fixo posible a posta a disposición xudicial dun veciño da parroquia de Xil

É sospeitoso de ter provocado numerosos lumes rexistrados nas parroquias limítrofes de Xil, Dena e Simes, todas elas no termo municipal de Meaño

Os labores de pescuda e seguimento deste presunto incendiario remóntanse ao ano 2025 e os últimos feitos corresponden á noite do 12 de xuño pasado, cando se rexistrou un incendio nunha zona de monte do mesmo concello

Santiago de Compostela, 30 de xullo 2026

O traballo conxunto de axentes ambientais da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural e efectivos do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil fixo posible a posta a disposición xudicial dun veciño de Xil (Meaño) como presunto autor de numerosos incendios provocados de forma intencionada. Nesta investigación participaron tamén axentes ambientais da Xunta do distrito forestal XIX e do posto da Garda Civil de Sanxenxo.

Os labores de pescuda remóntanse ao ano 2025, desde o cal o detido viña sendo obxecto de investigación pola súa presunta responsabilidade en diversos lumes rexistrados nas parroquias limítrofes de Xil, Dena e Simes, todas elas no termo municipal de Meaño. Os incendios obxecto de investigación producíronse nunha zona con notable afluencia turística, especialmente durante os meses de xullo e agosto de 2025, coincidindo ademais cunha tempada de elevada actividade incendiaria en Galicia.

Os últimos feitos corresponden á noite do 12 de xuño deste ano, cando se rexistrou un incendio nunha zona de monte do concello de Meaño. A rápida intervención dos servizos de extinción permitiu controlar as chamas, evitando que alcanzasen vivendas próximas e que o lume se propagase a maior escala.

Coas pescudas levadas a cabo púdose determinar que o incendio fora provocado de xeito intencionado e identificar ao presunto autor, grazas a unhas imaxes obtidas polos axentes investigadores. O suposto responsable foi detido e posto a disposición xudicial. As actuacións continúan abertas e non se descartan novas dilixencias encamiñadas a esclarecer feitos similares ocorridos na zona.

Esta operación pon en valor, unha vez máis, a permanente colaboración entre a UIFO e o Seprona para facer fronte á actividade delituosa incendiaria e, en xeral, na loita contra os incendios forestais, que poñen en grave risco a seguridade das persoas e o patrimonio natural de Galicia.

Data de actualización: 30/07/2026