A Xunta financia con máis de 182.000 euros 12 novos contratos en empresas de Ferrolterra a través das axudas do programa Primera Experiencia Profesional
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá a farmacia de Nuria Beceiro, unha das beneficiarias desta orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
O Goberno galego sacará nas próximas semanas unha nova convocatoria dotada para 2025 de 6,3 M€
Ferrol, 25 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia concedeu o pasado ano un total de 182.400 euros en axudas a cinco empresas da zona para a formalización de 12 novos contratos laborais a través do programa primeira experiencia profesional co que o Goberno galego incentiva a contratación de menores de 30 anos por parte de empresas, persoas traballadoras autónomas, sociedades civís e comunidades de bens.
Tal e como explicou Martina Aneiros, trátase dun programa mixto da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que contou cun orzamento de 4,2 M€ en 2024, que ademais de impulsar a contratación de mozas e mozos a tempo completo con apoios económicos, ofrece formación en competencias brandas, unha combinación de habilidades sociais e de comunicación, actitudes, intelixencia social e emocional moi demandadas polo mercado laboral.
Así, co propósito de atender as necesidades específicas de emprego no tramo de idade de menores de 30 anos, o programa artellouse en dúas liñas concretas de axuda: a primeira, para contratar mozas e mozos con titulación ou certificación profesional; e a segunda, para brindar unha oportunidade tamén a quen careza de cualificación profesional recoñecida.
Aneiros lembrou que a Xunta lanzará nas próximas semanas a convocatoria de 2025 dotada de 6,3 M€ de orzamento e incluída dentro da Estratexia Mocidade Activa coa que o Goberno galego pretende mellorar a situación vital das persoas mozas galegas, así como a súa empregabilidade a través de programas de fomento da contratación. A medida contará cun orzamento só por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de 20 M€ e nela englobaranse todas as achegas encamiñadas ao impulso do emprego xuvenil entre as que tamén se sitúa o Galicia Emprega Mozos (3,5 M€) ou o programa Investigo (4,8 M€) para o fomento da contratación de investigadores e tecnólogos menores de 30 anos, persoal técnico e outros profesionais de I+D+i.