A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe o restaurante Mexican Vlend, beneficiario deste programa de apoios
Máis de 1.500 autonómos lévanse beneficiado da liña de préstamos da Xunta nos últimos catro anos
Trátase das axudas de acceso ao crédito para pequenas empresas, microempresas e autónomos, que convoca o Igape en colaboración coas Sociedades de Garantía Recíproca e as entidades financeiras
Ofrece préstamos de entre 3.000 e 1 M€ para investimentos, necesidades de liquidez a longo prazo ou para a reestruturación de débedas; así como avais fronte a terceiros en operacións como contratos comerciais, licitacións internacionais ou avais técnicos
Apunta que a convocatoria deste ano conta cun orzamento de 19 M€ e permanecerá aberta ata o 30 de setembro
A Coruña, 1 de marzo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a liña de acceso ao crédito para pequenas empresas, microempresas e autónomos, que convoca o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en colaboración coas Sociedades de Garantía Recíproca e as entidades financeiras, beneficiou nos últimos catro anos a máis de 1.500 autónomos.
Lorenzana visitou esta mañá o restaurante coruñés Mexican Vlend, beneficiario deste programa que ofrece préstamos de entre 3.000 e 1 M€ (a entre 3 e 15 anos) para investimentos, para cubrir necesidades de liquidez a longo prazo ou para a reestruturación de débedas; así como avais fronte a terceiros en operacións como contratos comerciais, licitacións internacionais ou avais técnicos.
En concreto, apuntou que desde 2020, 4.926 empresas se levan beneficiado destes préstamos, cun orzamento total de 30,6M€. Por sectores, a maior parte das empresas e autónomos pertencen ao comercio (44,4 %), seguido da industria (30,2 %) e a hostalería-turismo (25,4 %).
A conselleira lembrou que a convocatoria deste ano, que saíu publicada no DOG o pasado 13 de xaneiro e abriu o 21 dese mesmo mes, conta cun orzamento de 19 M€ e permanecerá dispoñible ata o 30 de setembro.