Lorenzana advirte da necesidade de que o novo plan europeo para a automoción se aplique coa máxima celeridade
“Consideramos que é un plan que se necesitaba con carácter de emerxencia, non só de urxencia”, di, para avisar de que, a partir de agora, non se pode perder tempo en desenvolvementos regulatorios
Ve moi interesantes as medidas contidas, entre as que destaca o establecemento de tres bancos de probas transfronteirizos para vehículos autónomos: “Queremos loitar por un para Galicia e o Norte de Portugal”, adianta
Bruxelas, 5 de marzo de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, advertiu hoxe da necesidade de que as medidas recollidas no novo plan para o sector da automoción que presentou a Comisión Europea se apliquen “coa máxima celeridade” e “de forma inmediata”.
“Consideramos que é un plan que se necesitaba con carácter de emerxencia, non só de urxencia”, dixo a conselleira logo de que hoxe se dese a coñecer o seu contido. “Aínda que cremos que tardou, valorámolo positivamente”, enfatizou, para advertir, non obstante, de que non se pode perder tempo en desenvolvementos regulatorios.
“Non pode ser que o plan agora mesmo se comunique para comezar a facer desenvolvementos regulatorios e que logo a súa aplicación leve meses e anos, senón que temos que tentar que se execute de forma inmediata”, aseverou.
En relación ás medidas que contén, Lorenzana considerou “moi interesante” que se vaian establecer, polo menos, tres bancos de probas transfronteirizos para vehículos autónomos. “Queremos loitar por un banco de probas para Galicia e o Norte de Portugal”, dixo, aludindo ás capacidades do CTAG e de todo o sector galego da automoción.
Tamén valorou positivamente que se entenda como prioritario a fabricación de baterías e de compoñentes en Europa porque os programas europeos e de apoio poden ser moi interesantes para atraer investimentos a territorios como Galicia, sinalou. De igual xeito, tamén mencionou o feito de que se vaia impulsar o hidróxeno e os combustibles alternativos pero, ao respecto, considerou fundamental dar apoio aos proxectos de produción e non só aos de recarga e repostaxe.
Por outra banda, cualificou de adecuada a medida de continuar incentivando a demanda do vehículo eléctrico en Europa, apoiando as persoas con menos recursos e os cambios nas flotas corporativas.
A conselleira concluíu reiterando a importancia da celeridade nestas medidas e de efectuar cambios nas normativas que regulan a implantación dos proxectos industriais en Europa para recortar os prazos.