A Xunta e os colexios de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local coinciden na necesidade de que o Estado aumente as prazas e cobertura destes postos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse cos representantes destes colectivos profesionais en Galicia
Diego Calvo lembrou as actuacións realizadas polo Goberno galego para contribuír a cubrir os postos de traballo, como a creación pioneira dunha bolsa autonómica de interinos
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, reuniuse hoxe cos presidentes dos colexios oficiais de secretarios, interventores e tesoureiros de Administración local (Cosital) da Coruña-Pontevedra, José Antonio Rueda, e de Ourense, Jorge Moreno, así como co secretario do de Lugo, David Criado, para abordar as necesidades destes colectivos profesionais. Os asistentes ao encontro coincidiron na urxencia de que o Goberno central aumente as prazas e cobertura destes postos, tal e como vén reclamando a Xunta desde hai anos.
Diego Calvo incidiu en que os concellos galegos, polo seu pequeno tamaño e dispersión se ven especialmente prexudicados por esta carencia. Nesta liña, lembrou as actuacións realizadas polo Goberno galego para contribuír a cubrir os postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional. Segundo sinalou, as medidas autonómicas facilitaron a cobertura de case 180 prazas.
As funcións atribuídas a este colectivo inclúen a de Secretaría, que dá fe pública e asesoramento legal, e a de Intervención, encargada do control e a fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria, contabilidade, tesourería e recadación. Na actualidade, as prazas reservadas á subescala de secretaría-intervención (concellos de menos de 5.000 habitantes, que en Galicia supoñen o 64% do total) carecen de titular en 45 concellos: 15 de Ourense, 11 de Pontevedra, 10 de Lugo e 9 da Coruña.
Bolsa autonómica de interinos
O conselleiro destacou a importancia das funcións reservadas a este persoal e do risco que representa a súa falta na eficacia da xestión diaria local. Para contribuír a solucionar a carencia, a Xunta creou en 2017, de xeito pioneiro, unha bolsa autonómica de interinos para cubrir postos de funcionarios con habilitación de carácter nacional. Segundo sinalou Diego Calvo, a medida, enmarcada no compromiso e o apoio ás entidades locais, facilita a cobertura inmediata dos postos.
Precisamente a finais do ano pasado rematou a cuarta convocatoria do proceso selectivo para o acceso ás bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, destes postos de traballo, tras as realizadas en 2017, 2019 e 2021. Tamén en decembro, o Diario Oficial de Galicia publicou as novas inclusións e actualizacións de méritos nestas bolsas, con 263 persoas integrantes nas subescalas de Secretaría-Intervención, Secretaría de entrada e Intervención-Tesourería de entrada.
Nas tres convocatorias efectuadas ata agora producíronse 277 incorporacións nas listas autonómicas, ás que se suman 54 novas inclusións. En concreto, producíronse 150 integracións na subescala de secretaría-intervención, 91 na de secretaría de entrada e 90 na de intervención-tesouraría de entrada.