A Xunta regula a creación e xestión de documentos electrónicos na Administración cunha norma técnica

O texto recolle os principios estratéxicos, os procesos e as responsabilidades neste eido mediante doce epígrafes

A ferramenta procura garantir a autenticidade, fiabilidade e dispoñibilidade documental, o dereito de acceso e a conservación do patrimonio documental

As Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Facenda e Administración Pública buscan, mediante este documento, sentar as bases para optimizar a facer fiable e eficiente o uso da administración electrónica

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026

A Xunta de Galicia regula a creación e xestión dos documentos electrónicos xerados pola actividade da Administración mediante unha nova norma técnica. Trátase dunha ferramenta, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, que busca garantir a autenticidade, fiabilidade e dispoñibilidade documental, o dereito de acceso e a conservación do patrimonio documental.

Con este obxectivo, a política recolle, mediante doce epígrafes, os principios estratéxicos, os procesos de xestión documental, os axentes implicados e as responsabilidades, os instrumentos para a xestión e as directrices para a súa implantación. Neste senso, téñense en conta todas as partes da secuencia documental desde o seu nacemento ou creación ata a súa transferencia ao arquivo electrónico, ben para a súa conservación ou consulta como para a súa eliminación. Trátase dun ciclo de vida que inclúe a captura, o rexistro, a clasificación, a descrición, o acceso, a cualificación, a conservación, a transferencia e a eliminación.

As Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Facenda e Administración pública forman parte dos axentes implicados nesta ferramenta, xunto aos órganos competentes na xestión de procedementos e servizos xeradores de documentos electrónicos e en materia de formación do persoal empregado público como son a Comisión de Seguridade e Goberno electrónico, o Consello de Avaliación documental de Galicia e o Consello de Arquivos de Galicia. Estes representantes participarán en procedementos periódicos de supervisión que verifiquen o correcto funcionamento da normativa, así como na súa revisión e actualización cando así se precise debido a modificacións lexislativas, melloras polo uso das novas tecnoloxías e novos casos de aplicación.

Outro dos aspectos fundamentais deste marco de actuación son os instrumentos para a xestión documental, entre os que se inclúen o catálogo de sistemas dixitais, o inventario de información administrativa, o catálogo de procedementos ou os servizos e de tipoloxías documentais. Así mesmo, inclúense ás directrices funcionais, tecnolóxicas, operativas e organizativas que permiten o éxito desta norma e os modelos tecnolóxicos, de dixitalización e de conservación, así como aspectos relativos ao ciclo de vida do documento electrónico, ao procedemento de destrución ou ao plan de xestión de riscos.

Neste senso, este recurso busca facilitar e sistematizar o labor dos traballadores. Para iso, impulsarase que a formación de todo o persoal implicado na xestión de documentos electrónicos estea presente nos plans de formación continua da Administración.

Data de actualización: 19/05/2026