A Xunta destina máis de 68.000 € a actualizar os datos sobre a presencia e distribución de catro especies de aves en diferentes zonas de Galicia

O contrato, que acaba de ser adxudicado e ten un prazo de execución de 10 meses, centrarase no estudo e seguimento da aguia real, o paspallás, o pombo e a rula

As empresas adxudicatarias deberán garantir un equipo técnico integrado por un mínimo de tres persoas: un director, un técnico e unha persoa de apoio en campo

 

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia destinará máis de 68.000 euros a actualizar os datos sobre a presencia e distribución en diferentes puntos da Comunidade de catro especies de aves: aguia real, paspallás, pombo e rula. Neste sentido e tendo en conta o reparto e as características específicas de cada unha delas, o contrato dividiuse en tres lotes.

En concreto, no caso da aguia real estudarase a súa reprodución nos espazos naturais protexidos das serras orientais, onde conta con territorios ocupados por parellas estables na última década como as zonas de especial conservación (ZEC) Ancares-Courel, Macizo Central ou Pena Trevinca, entre outros. O orzamento destinado a este paquete ascende a 29.227,13 euros.

En canto ao lote número dous, corresponderase co seguimento das poboacións reprodutoras do paspallás, a rula e o pombo na comarca ourensá da Limia —cun investimento de 19.718,29 euros— e no caso do lote tres, o obxecto central é o estudo da abundancia e distribución dos exemplares reprodutores da rula en medio cento de puntos das catro provincias —adxudicado por importe de 19.489,01 euros—.

Cun prazo de execución de 10 meses, o obxecto principal do contrato consistirá no desenvolvemento dos traballos necesarios para actualizar a información relativa á distribución e á abundancia en Galicia destas catro especies, incluíndoas actuacións de censado, toma de datos sobre o terreo e análises posteriores.

Para a realización destes labores, as empresas adxudicatarias deberán acreditar que dispoñen dun equipo técnico integrado, como mínimo, polo seguinte persoal: unha persoa que asuma a dirección dos traballos e un técnico ou técnica (en ambos casos, deberán contar con título universitario en Bioloxía, Ciencias Ambientais ou calquera outra rama de ámbito ambiental ou ben de Enxeñaría Forestal e acreditar polo menos tres anos de experiencia en traballos relacionados co seguimento de especies de avifauna) e unha persoa de apoio en campo (que só se exixirá como parte do equipo mínimo encargado dos traballos do lote 2).

Por último, cómpre subliñar que este servizo se enmarca nos obxectivos da Directiva europea relativa á conservación das aves silvestres, que establece que os Estados membros deberán vixiar o estado destas especies e dos seus hábitats, tendo especialmente en conta aqueles considerados hábitats naturais prioritarios.

Data de actualización: 09/03/2025