A Xunta reafirma en Ortigueira o seu compromiso co impulso e revitalización das prazas de abastos

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde, Valentín Calvín, visitou o edificio do mercado -actualmente pechado- no marco do apoio a estes espazos comerciais

O alcalde avanzou a vontade de solicitar as axudas de diagnose inicial ao abeiro da nova orde autonómica destinada ás prazas de abastos, dotada con 3,3 millóns de euros e que estará aberta dende este mércores, 12 de marzo, ao vindeiro 14 de abril

Ortigueira (A Coruña), 10 de marzo de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros,  achegouse esta mañá ao concello coruñés de Ortigueira onde fixo unha visita —na que tamén estivo presente o alcalde do municipio, Valentín Calvín— ao antigo edificio do mercado municipal para comprobar o estado actual no que se atopa desde o seu peche no ano 2023. Esta visita encádrase dentro do compromiso do executivo galego coa dinamización e revitalización dos mercados e as prazas de abastos, para o que lanza unha nova orde de apoios para potenciar estes espazos comerciais.

Ao abeiro desta orde, o concello de Ortigueira —a través do seu rexidor— avanzou a súa vontade de solicitar unha primeira fase de diagnose para reabrir o espazo no que estaba ubicado o antigo mercado, revitalizando así este edificio, declarado patrimonio histórico-artístico, e impulsando a súa posterior posta en funcionamento.

O Goberno galego destina 3,3 millóns de euros na nova convocatoria de apoios para potenciar as prazas de abastos, triplicando o orzamento anterior, para poder dar resposta á previsión do incremento de solicitudes para a realización de obras de mellora —tras aumentar no ano 2024 as solicitudes para a elaboración das diagnoses previas—. O prazo de presentación estará aberto dende este mércores, 12 de marzo, ao vindeiro 14 de abril.

As achegas, que poden solicitar municipios, asociacións, cooperativas ou federacións, promoven accións que van desde o mantemento e mellora dos Mercados Excelentes xa existentes na comunidade —cunha contía máxima de 112.000€—,  ata accións de diagnose, formación ou obras de rehabilitación —neste caso con 320.000€ de axuda máxima— para aqueles que desexen solicitar este selo. Todas estas medidas enmárcanse no futuro Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 que, tras un proceso de escoita activa e de coñecemento da situación real do sector, estará rematado este mes de marzo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/03/2025