A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu unha pregunta sobre a xestión de residuos
Ángeles Vázquez lamenta que a cidadanía da Coruña pague as consecuencias da mala xestión de residuos do Goberno municipal
A conselleira censura que o Concello non implantase a recollida selectiva de envases lixeiros malia as reiteradas advertencias da Xunta, o que finalmente supuxo a incoación dun expediente sancionador cunha posible multa de ata 100.000 euros
O Executivo galego lembra que o sistema húmido-seco que empregan Nostián e a Mancomunidade do Barbanza é un modelo a extinguir, rexeitado por Bruxelas e que eleva o volume de residuos enviados a vertedoiro, xerando maiores emisión de CO2
A Administración autonómica vai seguir apostando polos incentivos aos concellos para que cumpran coas exixencias en materia de xestión de refugallos, fronte á política impositiva do Executivo central e as súas decisións unilaterais
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lamentou hoxe que a cidadanía da Coruña estea a pagar as consecuencias da mala xestión de residuos do Goberno municipal ao non poñer á súa disposición o contedor correspondente para a recollida selectiva de envases lixeiros, incumprindo así o que establece a normativa estatal .
A responsable autonómica incidiu nunha resposta parlamentaria en que o Concello da Coruña leva anos incumprindo a lei e os compromisos adquiridos en materia de tratamento de residuos, o que supuxo recentemente a incoación dun expediente sancionador -cunha posible sanción de ata 100.000 euros- facendo valer o artigo 25 da lei estatal de residuos.
“Pola mala xestión municipal, acabarán pagando as coruñesas e os coruñeses porque por moito que desexen reciclar, non poden facelo porque lles falta o quinto contedor, o dos envases lixeiros. Ademais, o Concello obviou as advertencias dadas pola Xunta hai xa tempo, desde 2022”, aseverou a conselleira.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático censurou que A Coruña sexa a única cidade de España que non ten instalada a recollida selectiva de envases lixeiros -para plásticos, latas e briks- e que o sistema da planta de tratamento de residuos de Nostián -coñecido como húmido-seco- é un modelo a extinguir, rexeitado por Bruxelas e que eleva o volume de residuos que se destinan a vertedoiro ao depositarse no mesmo contedor os envases xunto coa fracción resto.
Neste sentido, Ángeles Vázquez recordou que no caso de Nostián os refugallos que acaban en vertedoiro, que ademais son os que xeran máis emisións de CO2, chegan ao 50%, fronte ao modelo de Sogama, no que unicamente van a vertedoiro o 22%.
Por iso, a Xunta defende a necesidade de avanzar cara a unha xestión de residuos máis eficiente e respectuosa co medio ambiente, cuestións que abordou o Executivo galego co Goberno local da Coruña en distintas reunións desde 2022 e tralas que o Concello incumpriu os compromisos acadados e obviou as advertencias dadas sobre o risco de sanción polos reiterados incumprimentos da cidade.
Lastre para Galicia
A conselleira expuxo que a Xunta vai seguir traballando en beneficio do conxunto das galegas e galegos e instou ao Goberno coruñés a adoptar de xeito inmediato medidas que posibiliten unha correcta xestión dos residuos pois a súa mala praxe está a lastrar non só á cidade senón tamén ao conxunto de Galicia no cumprimento dos obxectivos que marca Europa neste eido.
De feito, lembrou que o modelo húmido-seco empregado tanto por Nostián como pola Mancomunidade do Barbanza fan que Galicia apareza en malas posicións nas clasificacións de xestión de residuos en España, mentres que se unicamente se tivesen en conta os datos do modelo de Sogama a comunidade aparecería na media nacional ou por enriba dela na maioría de cuestións.
Ángeles Vázquez insistiu ademais en que a Xunta vai seguir apostando polos incentivos aos concellos para que cumpran coas exixencias en materia de xestión de residuos, fronte á política impositiva do Goberno central que está a asfixiar ás empresas xestoras de residuos, aos concellos e á cidadanía coas súas decisións unilaterais.
Neste sentido, afeou ao Goberno central que se opoña á tarifa reducida do canon de Sogama aprobada polo Executivo galego, que busca aliviar a carga que os novos impostos estatais supoñen para as arcas municipais e, en definitiva, para os petos das galegas e galegos.