O Hotel La Virgen de Cuntis mellora as súas instalacións grazas a unha axuda de 38.000 euros da Xunta para infraestruturas turísticas
A axuda permitiu a adquisición de mobiliario, varias bombas de auga termal e varios sistemas nebulizadores e inhaladores
As subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración beneficiaron a máis de 55 establecementos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 1,5 millóns de euros
Cuntis (Pontevedra), 13 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Hotel La Virgen, no concello de Cuntis, con motivo das actuacións realizadas ao abeiro das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración que ofrece a Xunta a través de Turismo de Galicia.
Así, os responsables do espazo puideron realizar distintas actuacións de mellora das instalacións do establecemento grazas a unha achega da Xunta. Entre elas, esta subvención permitiu adquirir catro bombas de auga termal; preto de 180 colchóns; 200 cadeiras; varios sofás, butacas e tumbonas; e distintos sistemas nebulizadores e inhaladores. En total, o orzamento foi de 95.000 euros dos cales a Xunta investiu máis de 38.000.
Cabe destacar que na provincia de Pontevedra beneficiáronse destas axudas máis de 55 establecementos por valor de preto de 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial lembrou que “contar cunhas instalacións turísticas coidadas, modernas e preparadas é imprescindible para manter a fama de calidade e excelencia que conseguimos grazas ao traballo incansable de xeracións de hoteleiros e hostaleiros”. Reguera asegurou que a Xunta “seguirá apoiando en todo o posible ao sector empresarial galego, que é imprescindible para o progreso e desenvolvemento da comunidade autónoma”.
Cabe destacar que a convocatoria deste ano conta con 1M€ máis de orzamento, co que o sector contará con 4,5M€ en toda Galicia para estas actuacións.