A directora do Instituto, Covadonga Salgado, asiste ao encontro enmarcado no proxecto europeo Farclimate

O Intecmar, presente na xornada para axudar ao sector pesqueiro a afrontar os efectos do cambio climático

O simposio, que contou coa colaboración o Galp Ría de Pontevedra, reforza o compromiso co fortalecemento da actividade que xera a cadea mar-industria

Cambados (Pontevedra), 13 de marzo de 2025

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, Covadonga Salgado asistiu este xoves á xornada “Busca de solucións de adaptación ao cambio climático no sector pesqueiro dentro do proxecto Farclimate”, financiado pola Unión Europea e que, cunha duración de catro anos, aborda os desafíos que deben afrontar os profesionais do mar neste eido. Deste xeito, cun enfoque interdisciplinar e multisectorial, os participantes abordaron o impacto das variacións do clima, co fin de desenvolver solucións innovadoras para a pesca e fortalecer con elo a súa resiliencia.

Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración co Grupo de Acción Local Pesqueiro (Galp) Ría de Pontevedra, reforza o compromiso coa sostibilidade e a adaptación desta zona costeira, que é especialmente sensible e vulnerable aos efectos do cambio climático. A través desta alianza, contribúese a mellorar a capacidade de resposta do sector pesqueiro e fomentar a transición cara ao novo modelo. Este Grupo ten un total de 54 alberga a 54 entidades sociais, das que o 57% representan ao sector social, o 20% ao pesqueiro, o 15% ao público e o 8% ao económico.

No desenvolvemento de Farclimate, iniciado en 2023, participan tamén a Universidade de Vigo, a Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fudamar). É un proxecto de Investigación e Innovación (RIA), financiado pola Unión Europea con máis de 4,7 millóns de euros e polo Goberno suízo, con máis de 383.600. O consorcio está composto por catorce socios de sete países diferentes: España, Suíza, Portugal, Bélxica, Italia, Grecia e Finlandia.

Data de actualización: 13/03/2025