A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, presentou hoxe a actuación nesta ponte que une Bergondo e Paderne, na desembocadura da ría de Betanzos

A Xunta licita as obras de mellora da ponte do Pedrido, que prevén a renovación total da súa iluminación, por máis de 972.000€

A actuación aborda a instalación do alumeado, que actualmente se limita á calzada, para realzar todos os elementos da ponte, ademais de mellorar a eficiencia enerxética e o control da contaminación luminosa 

María M. Allegue avanzou que se prevé adxudicar as obras no verán e que estean rematadas a finais deste ano

As empresas poderán presentar ofertas ata o 9 de abril

A intervención enmárcase nas accións de mantemento e conservación de obras de paso e estruturas das vías de titularidade da Xunta neste ano

Bergondo (A Coruña), 15 de marzo de 2025

A Xunta vén de licitar as obras de mellora na Ponte do Pedrido, que une os concellos de Bergondo e Paderne na desembocadura da ría de Betanzos e que inclúen a renovación total da súa iluminación, por un importe de 972.700 euros. 

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe a contorna para anunciar esta actuación, que se prevé adxudicar no verán e que estea rematada a finais deste ano. As empresas interesadas nesta intervención teñen ata o vindeiro día 9 de abril para presentar as súas ofertas.

Trátase dunha actuación enfocada a poñer en valor esta emblemática ponte na AC-164 e resaltar os elementos desta estrutura símbolo da historia e da enxeñería en Galicia, que conecta os concellos de Bergondo e Paderne, e que segue a ser esencial desde a súa apertura para facilitar a comunicación entre A Coruña e Ferrol, soportando un intenso tráfico, de 10.336 vehículos/día, ao ser alternativa libre de peaxe á autoestrada estatal. Como destacou a conselleira, a intervención “porá aínda máis en valor esta espectacular ponte e ao mesmo tempo, reforzará a súa seguridade”.

A nova instalación estará constituída por 194 proxectores LED e bañadores polos elementos da estrutura (pilas, nervios, arco e péndolas), e 35 luminarias LED de iluminación viaria, e resaltará todos os elementos da ponte: os valores arquitectónicos e estruturais da ponte. Isto permitirá, ademais da posta en valor da ponte, a mellora da eficiencia enerxética e o control da contaminación luminosa. En definitiva, tal e como incidiu María M. Allegue, un alumeado, “en sintonía coa historia que atesoura este monumento”

A intervención completa tamén ás obras levadas a cabo con anterioridade coa reparación dos distintos elementos da ponte, dirixida a reforzar a súa durabilidade, e enmárcanse nas accións de mantemento e conservación de obras de paso e estruturas das vías de titularidade da Xunta durante este ano, como a nova iluminación realizada na Ponte Esperela, en Ourense, ou a que se está a piques de comezar na ponte medieval de Ponte Sampaio, en Pontevedra.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/03/2025