A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co patrón maior da entidade

A Xunta e a Confraría de Pescadores de Ferrol apostan polo uso de materiais reciclables e por un consumo responsable na próxima Festa do marisco

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia e a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol apostan polo uso de materiais reciclables e por un consumo responsable na próxima Festa do marisco, que se celebrará do 11 ao 20 abril, coincidindo coa Semana Santa.

Durante unha reunión que mantivo esta tarde co patrón maior da confraría, Gustavo Chacartegui, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comprometeu a colaboración do seu departamento na adquisición de material biodegradable, como pratos e cubertos, para o seu uso durante a celebración.

No encontro, o patrón maior tamén lle trasladou á conselleira o interese en instalar unhas papeleiras de reciclaxe de gran tamaño con soporte de madeira serigrafiada que, ademais de dar servizo aos usuarios da confraría ao instalalas na lonxa, serían reutilizadas noutras ocasións como, por exemplo, as degustacións que se organizan ao longo do ano en diferentes puntos de Galicia.

A conselleira puxo en valor o compromiso da confraría co consumo responsable e coa reciclaxe para garantir a preservación do medio ambiente e para avanzar cara a un modelo de economía circular. Trátase dunha cuestión de vital importancia nun momento no que se está a facer un esforzo especial para a xestión da materia orgánica coa implantación por parte dos concellos do quinto contedor de biorresiduos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/03/2025