A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal de Negueira de Muñiz para dotar o Concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio
A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe ao alcalde do municipio lucense, José Manuel Braña
O Plan básico municipal de Negueira de Muñiz, aprobado inicialmente por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, permitirá ao Concello ofrecer capacidade de acollida residencial e económica
Esta aprobación inicial acádase apenas dez meses despois do comezo da tramitación ambiental
Tras o paso dado hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos para a súa aprobación definitiva
O plan de Negueira de Muñiz é o décimo sétimo, dos vinte catro Plans Básicos Municipais tramitados pola Xunta, en superar este trámite
Negueira de Muñiz (Lugo), 18 de marzo de 2025
A Xunta aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal (PMB) de Negueira de Muñiz para dotar o municipio lucense dun instrumento eficaz de ordenación do territorio.
A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe ao alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, da aprobación inicial deste Plan por resolución da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Trátase dun instrumento urbanístico básico que permitirá ao municipio ofrecer capacidade de acollida residencial e económica.
No que se refire á tramitación, tras a aprobación inicial de hoxe, o documento someterase a información pública durante dous meses e solicitaranse todos os informes sectoriais preceptivos previos para a súa aprobación definitiva.
Esta aprobación inicial acádase apenas dez meses despois do comezo da tramitación ambiental.
Así mesmo, cómpre salientar que o Concello está xa a traballar na regularización de captacións de auga e de vertidos coa Confederación do Cantábrico.
Na Consellería e no Concello se traballa nun cronograma de máxima coordinación e axilización que permita acadar a aprobación definitiva do PBM no próximo ano 2026.
O Plan para este concello, que conta cunha poboación de 240 habitantes, non clasifica ningún ámbito como solo urbano consolidado, dado que o marcado carácter rural dos seus asentamentos fai que estes encaixen mellor na definición de solo de núcleo rural.
En canto a núcleos rurais, delimita 19 nun total de 6 parroquias, todos eles de tipo tradicional (3 deles de tipo polinuclear).
O documento tamén categoriza solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.
Ademais o Plan cataloga ata 88 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (1) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (6), arquitectónico (37) e etnolóxico (44).
Plan Básico Municipal
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, está a promover os Plans Básicos Municipais en concellos de menos de 5.000 habitantes, como o caso de Negueira de Muñiz, que non contan con planeamentos xerais.
O obxectivo da Xunta é dotar estes municipios dunha ferramenta que permita impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible.
Na actualidade, Negueira de Muñiz é o 17º concello galego en obter a aprobación inicial do seu PBM. De xeito máis detallado, dos 24 Plans Básicos Municipais previstos, hai 4 aprobados definitivamente; 13 con aprobación inicial; 4 pendentes de aprobación inicial; e 3 para os que se está redactando o seu borrador.