O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou o Centro de dano cerebral ‘Sarela’, con motivo da celebración do seu 25 aniversario
López Campos enxalza o papel do voluntariado como unha importante ferramenta de integración social
Pon en valor o programa da Dirección Xeral de Xuventude que ofrece formación e integra a persoas con discapacidade nestas accións solidarias e de acompañamento
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou hoxe á participación en calquera das accións de voluntariado que desenvolve a Xunta de Galicia, ás que erixiu como “importantes ferramentas para a integración social”. Fíxoo na visita ás instalacións, en Santiago de Compostela, do Centro de dano cerebral Sarela, con motivo da celebración do seu 25 aniversario.
Precisamente, o representante do Goberno galego salientou que esta asociación é unha das entidades participantes do programa Voluntariado e acción que desenvolve o seu departamento a través da Dirección Xeral de Xuventude. En concretou, explicou que este proxecto promove que as persoas con dano cerebral adquirido se formen e se acaben integrando como voluntarias en accións solidarias e de acompañamento. “Sodes exemplo de superación, pero tamén de xenerosidade e de entrega aos demais”, valoroulles o conselleiro aos usuarios e usuarias do centro compostelán.
De igual xeito, López Campos ampliou este agradecemento ao persoal, profesionais e familiares do centro Sarela pola “implicación, esforzo e traballo” a prol da recuperación das persoas con dano cerebral adquirido, “potenciando a súa autonomía, mellorando a súa calidade de vida e procurando a súa reincorporación ao mundo laboral, académico e social”.
Por estes motivos, fixo fincapé na relevancia dos programas de voluntariado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que sitúan as persoas con discapacidade “no centro e dándolles a xusta valía que posúen de cara ás súas imprescindibles achegas á sociedade”. Deste xeito, asegurou que se demostra que “socialmente todos temos moito que aportar, sobre todo desde a ensinanza de valores que nos ofrece a diversidade”, aseverou. Finalmente, concluíu garantido a “total colaboración e apoio” do Goberno galego, a través desta e doutras accións nesta liña, para axudar “á plena integración social”.