A Xunta impulsa a adopción da intelixencia artificial por parte da industria para mellorar a súa competitividade e eficiencia
Os socios do proxecto europeo AI_REDGIO reúnense en Galicia para traballar na transferencia da intelixencia artificial desde a I+D+i ao sector manufactureiro
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) en Santiago de Compostela acolle unha reunión dos socios do proxecto europeo apoiado por Horizonte Europa, AI_REDGIO 5.0 (Regions and (E)DIHs alliance for AI-at-the-Edge adoption by European Industry 5.0 Manufacturing SMEs), que ten como obxectivo impulsar a adopción por parte das empresas manufactureiras da intelixencia artificial para mellorar a súa competitividade e eficiencia.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou na sesión de benvida que a modernización do tecido industrial galego apoiándose no coñecemento e na innovación é un dos retos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia ata 2027. Precisamente, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sinalou que o novo Plan galego de I+D+i 2025-2027 porá o foco en tecnoloxías como a intelixencia artificial polo seu potencial para impulsar unha transformación profunda e acadar un impacto relevante no tecido produtivo.
No marco deste consorcio, os outros dous socios galegos están a desenvolver un proxecto no que un axente tecnolóxico, o centro tecnolóxico Gradiant, traballa conxuntamente cunha empresa, Innolact, no desenvolvemento de solucións a medida que permitan a transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Neste caso, Gradiant desenvolve unha solución baseada en intelixencia artificial que permitirá a Innolact, peme especializa na produción e comercialización de produtos lácteos de alta calidade, mellorar os seus procesos produtivos e, polo tanto, a súa competitividade, mediante a automatización e a incorporación desta ferramenta.
Entidades dunha vintena de rexións
O proxecto AI_REDGIO 5.0 está dotado con 10 M€, dos que a participación galega supera o medio millón e ten unha duración de tres anos desde xaneiro de 2023 ata decembro de 2025. En total, no proxecto participan 40 entidades, entre universidades, centros tecnolóxicos, empresas e administracións públicas, procedentes de 18 rexións europeas.