A Xunta e a Asociación Galega do Hidróxeno colaborarán no impulso da innovación tecnolóxica e a formación especializada no eido da FP

O conselleiro de Educación e o presidente desta entidade asinan un convenio para o desenvolvemento de accións conxuntas relacionadas co hidróxeno verde

Identificaranse as competencias profesionais precisas neste ámbito para deseñar formación especializada que dea resposta ás necesidades das empresas

Oleiros (A Coruña), 20 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia e a Asociación Galega do Hidróxeno van colaborar no impulso de accións de innovación tecnolóxica, formación especializada e certificados de profesionalidade no eido da Formación Profesional. Así se establece no convenio asinado hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente desta entidade, José Ramón Ferreiro, nun acto no que estiveron acompañados pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

O titular de Educación do Goberno Galego agradeceu o “compromiso” da Asociación Galega do Hidróxeno no “poñer a disposición a súa experiencia” para seguir impulsando a calidade das ensinanzas de FP de Galicia en torno a unha enerxía de futuro como é o hidróxeno verde.

Ao abeiro deste convenio, ambas as partes colaborarán para identificar as competencias profesionais que deben reunir as persoas que traballan neste ámbito e poder así deseñar unha formación especializada para desenvolver estas actividades. “Deste xeito, exploramos os perfís profesionais de futuro, dando resposta ás necesidades de persoal cualificado das empresas punteiras, e mellorando as perspectivas profesionais dos titulados da FP galega”, destacou o conselleiro.

I+D+i desde o Eduardo Barreiros

Ademais, a Xunta, a través do Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, e a Asociación de Hidróxeno desenvolverán accións de innovación e investigación conxunta de proxectos de I+D+i, que tamén se compartirán con todos os centros que imparten ensinanzas de Formación Profesional.

Paralelamente, a entidade dará apoio técnico e loxístico para a formación do profesorado en tecnoloxías relacionadas coa produción, almacenaxe, transporte e consumo de hidróxeno.

O convenio tamén abrangue o desenvolvemento de mobilidades do alumnado e profesorado, o fomento da obtención de titulacións de FP e de certificados de profesionalidade dentro do Plan de avaliación, recoñecemento e acreditación (ARA) e a difusión entre alumnado, profesorado e cidadanía en xeral, dos novos perfís profesionais asociados ao hidróxeno.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025