A Xunta ratifica o seu obxectivo de blindar o sector da automoción fronte aos desafíos que afronta esta industria

O secretario xeral de Industria e desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, clausurou hoxe o encontro empresarial Mobilidade Sustentable e Loxística no sector da automoción, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), que inaugurou a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela

Lembra que esta mesma semana a Xunta aprobou o Plan director da automoción que, xunto co programa extraordinario de axudas que se destinaron este ano á industria auxiliar, suman en total máis de 230 M€ que a Xunta vai destinar a este sector de cara ao 2027

Judit Fontela destaca que se está a traballar xunto co Clúster da Función Loxística na Estratexia Loxística de Galicia, para fomentar o transporte ferroviario de mercadorías a través do Corredor Atlántico

Vigo, 20 de marzo de 2025

O secretario xeral de Industria e desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, ratificou hoxe o obxectivo da Xunta de blindar o sector da automoción en Galicia e toda a súa cadea de valor, fronte aos desafíos que afronta esta industria a nivel global.

Nicolás Vázquez clausurou hoxe o encontro empresarial Mobilidade Sustentable e Loxística no sector da automoción, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), onde destacou que este é un dos nove sectores declarados estratéxicos para a economía galega que, segundo os últimos datos de 2023, acadou unha cifra récord de facturación con 13.000 M€ e xerou preto de 25.000 postos de traballo, o 14,8% do emprego industrial de Galicia.

Neste contexto, o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético lembrou que esta mesma semana a Xunta aprobou o Plan director da automoción que, xunto co programa extraordinario de axudas que se destinaron este ano á industria auxiliar, suman en total máis de 230 M€ que a Xunta vai destinar a este sector de cara ao 2027.

É un plan, dixo, aliñado coas políticas europeas de apoio e impulso á electrificación e á nova mobilidade nun contexto en que cómpre acompañar, especialmente, as necesidades non só dos grandes fabricantes senón, especialmente, da industria provedora.

Nese sentido, lembrou que o Goberno galego leva tempo demandando no seo da Comisión Europea medidas de flexibilización e simplificación administrativa como as que recolle o novo plan europeo da automoción aprobado recentemente, que a Xunta apoia, sinalou, pero que debe implantarse “de xeito áxil e coa máxima celeridade”.

Loxística

Previamente, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou na inauguración do evento e, na súa intervención, puxo en valor a necesidade de impulsar a colaboración no sistema loxístico da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal mediante a unión entre administracións e o sector empresarial. Nesta liña, apuntou como retos da Eurorrexión apostar por unha loxística máis “verde, resiliente e dixitalizada” tanto na automoción como noutros sectores.

Co obxectivo de avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible e eficiente, a directora xeral lembrou que a Xunta traballa xunto co Clúster da Función Loxística de Galicia na elaboración da Estratexia Loxística de Galicia para fomentar o transporte ferroviario de mercadorías entre Galicia, o resto de España, Portugal e o conxunto da Unión Europea, a través do Corredor Atlántico. A estratexia -apuntou Judit Fontela- avoga por esta infraestrutura estratéxica coa finalidade de que a comunidade galega se converta nun polo de referencia no ámbito do transporte de mercadorías. Trátase de “impulsar este sector a través do Corredor Atlántico e cunha rede de infraestruturas ferroviarias eficientes que conecte os nodos loxísticos intermodais e dea soporte ás necesidades loxísticas da economía galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025