Preto de 11.000 persoas descubrirán esta semana os proxectos punteiros do alumnado de Formación Profesional no congreso FP Innova 2025

A Cidade da Cultura acolle entre o 26 e o 28 de marzo esta cita, que pon de manifesto o traballo que se realiza na FP en materia de innovación e emprendemento

Exporanse preto de 60 iniciativas de centros de toda Galicia e haberá unha quincena de obradoiros sobre biotecnoloxía, realidade virtual ou IA

Arredor de 700 docentes e representantes de empresas afondarán na incidencia dos novos retos tecnolóxicos na FP na xornada técnica do congreso

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2025

Preto de 11.000 persoas descubrirán esta semana os proxectos punteiros do alumnado de Formación Profesional de 35 centros de toda Galicia na sétima edición do Congreso FP Innova Galicia 2025, que se celebrará entre os días 26 e 28 de marzo na Cidade da Cultura.

Nos 4.100m² dedicados á zona expositiva, os visitantes poderán coñecer de primeira man preto de 60 iniciativas de centros de toda Galicia, tanto de innovación, que abranguen as tecnoloxías máis avanzadas dos distintos sectores produtivos, como de emprendemento, postos en marcha ao abeiro do Plan Eduemprende.

Están xa inscritos como visitantes máis de 10.000 alumnos de 218 centros, dos últimos cursos de Primaria, ESO e Bacharelato e FP, que poderán participar activamente nunha quincena de obradoiros sobre biotecnoloxía, creación de contidos mediante intelixencia artificial, robótica, videoxogos, realidade virtual e aumentada e impresión 3D, entre outros. O obxectivo é que poidan experimentar en primeira persoa coas novas tecnoloxías e as innovacións nos distintos ámbitos da Formación Profesional e poidan coñecer as posibilidades que esta lles ofrece.

O programa de FP Innova Galicia 2025 complétase con exemplos de realidade virtual aplicada á FP, onde os visitantes poderán probar distintos simuladores inmersivos relacionados coas distintas especialidades destas ensinanzas. A orientación profesional xogará, ademais, un papel destacado, xa que os asistentes poderán interactuar co orientador profesional virtual OPI Orienta, realizando consultas sobre os estudantes e relacionándose co seu holograma entrenado con IA.

Acceso gratuíto para todo o público

O espazo expositivo permanecerá aberto ao público xeral de xeito gratuíto en horario de 10,00 h a 14,00 h e de 16,00 h a 19,00 h, os días 26 e 27 e a maña do 28 de abril. Ademais, o día 26 de marzo desenvolverase a xornada formativa do congreso, á que está prevista a asistencia de arredor de 700 persoas entre docentes e representantes do mundo empresarial. Nela reflexionarase sobre a imperativa necesidade de adaptarse aos cambiantes requisitos da contorna produtiva, así como sobre o impacto das tecnoloxías disruptivas nos novos perfís profesionais, como é o caso das tecnoloxías inmersivas ou a intelixencia artificial. Tamén se abordarán as novidades na Formación Profesional cara ao próximo curso académico.

Toda a información para visitar a feira está dispoñible no Portal educativo. No anexo final poden consultarse os proxectos participantes.

Sectores punteiros

Os visitantes de FP Innova poderán coñecer a investigación e a innovación que os centros de FP galegos están a desenvolver en colaboración con empresas e outras institucións a través de 38 proxectos de innovación que abranguen as tecnoloxías máis punteiras dos distintos sectores produtivos.

Unha parte relevante destes proxectos pon o foco na importancia da dixitalización e a Industria 5.0 na sociedade actual. Neste ámbito, destacan iniciativas como Inteligence picking: sistema de automatización de almacéns mediante robótica móbil e IA. O traballo do Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo propón un sistema automatizado para a preparación de pedidos en almacéns empregando robots autónomos móbiles (AMR) xunto cun sistema de recoñecemento de voz, baseado en modelos de intelixencia artificial adestrados para detectar mensaxes concretas relativas ao pedido.

No sector agrícola ten especial relevancia a proposta Agricultura de precisión en cultivos galegos km0, do Instituto IES Plurilingüe de Valga, un sistema robotizado para o control de crecemento e tratamento de cultivos que integra intelixencia artificial e internet das cousas (IoT) para avisar e actuar en caso de enfermidades nas plantas. Para iso, emprega unha cámara con visión artificial que rexistra o crecemento, detecta o momento adecuado para a recollida dos froitos e identifica as necesidades de auga.

No sector de hostalería destaca o proxecto Receptrónica, do CIFP de Vilamarín, unha recepción intelixente para establecementos turísticos que integra realidade estendida, intelixencia artificial e robótica para mellorar a experiencia da clientela e optimizar o traballo do persoal, facilitando procesos habituais e permitindo explorar servizos e recursos turísticos antes da súa vivencia.

No ámbito da automoción salienta E-mobilidade STEM FP, un proxecto en colaboración entre 12 centros de FP de toda Galicia no que desenvolveron vehículos eléctricos de máxima eficiencia, poñendo en valor tecnoloxías que xestionen eficazmente a enerxía, carrozarías eficientes en peso e aerodinámica. En FP Innova amosaranse algúns dos vehículos participantes en carreiras de eficiencia enerxética.

Ademais, a sustentabilidade e a innovación tecnolóxica son elementos clave en moitos dos proxectos presentados, como é o caso de Bomba de calor aerotérmica avanzada: optimización e eficiencia a 90ºC, do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo). Céntrase no desenvolvemento dunha bomba de calor de alto rendemento para calefacción e auga quente sanitaria, capaz de alcanzar máis de 90ºC. O sistema será capaz de xestionar enerxías renovables, como a fotovoltaica, e contará cun sistema de telexestión.

Destacan tamén os proxectos expostos polos cinco centros pertencentes á Rede estatal de centros de Excelencia en FP (CIFP Ánxel Casal-Monte Alto da Coruña, Someso da Coruña, Politécnico de Santiago, As Mercedes de Lugo e Carlos Oroza de Pontevedra), que acercarán os visitantes á innovación no sector da hostalaría, aeronaútico, sanitario, químico, e da construción e sostibilidade enerxética .

Emprendemento e obradoiros

No espazo de proxectos de emprendemento poderanse ver un total de 20 iniciativas distintas. Entre elas destaca o proxecto Mochila Científica, do CIFP Politécnico de Lugo, unha mini empresa dedicada a creación de kits científicos; así como Floutin City, do CIFP Portovello (Ourense), no que se crea unha flota de patinetes eléctricos que fomenta o transporte público sustentable. Tamén o sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais, solución do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) ao reto exposto por Viaqua dentro do programa InnovaTech FP.

No que atinxe aos 15 obradoiros, permitirán ao alumnado visitante experimentar en primeira persoa con tecnoloxías e técnicas como a impresión 3D, o Stop Motion, a creación de contido con intelixencia artificial ou a robótica. Nestes talleres tamén se presentarán as posibilidades da ciencia na cociña, das maridaxes ou técnicas de servizos estéticos de coidado persoal , DJ ou estampaxe personalizada, entre outros.

ANEXO. Centros participantes con proxectos de innovación, emprendemento e obradoiros

Listaxe de proxectos de innovación

Título

Centro educativo

Innovación no sector da hostalería e o turismo

CIFP Carlos Oroza

FPB Healthy Van

CIFP Manuel Antonio

Digital tasting

CIFP Compostela

Elaboración artesanal de bebidas refrescantes sostibles

CIFP Fraga do Eume

Restauración verde: Reciclaxe enerxética por unha cociña máis saudable

CIFP Paseo das Pontes

Receptrónica: Robótica, IA e realidade estendida na recepción hoteleira

CIFP de Vilamarín

Innovación no sector da aeronáutica

CIFP As Mercedes

SUNWIND. Estación de traballo móbil

CIFP Ferrolterra

Bomba de calor aerotérmica avanzada: Optimización e eficiencia a 90ºC

CIFP Valentín Paz Andrade

3D-RECOPLAS: Sistema de impresión 3D para reciclaxe ecolóxica de plástico

IES Politécnico de Vigo

CNC gravador con software libre

IES Politécnico de Vigo

Innovación no sector da edificación e a obra civil

CIFP Someso

Banco de ensaios para amortecedores: Dixitalización e análise dinámica

CIFP Coroso

Sistema de tracción traseira de vehículos eléctricos con dous motores en roda

CIFP Ferrolterra

Simulador hidráulico de escavadora

CIFP Porta da Auga

Maqueta de vehículo de pila de combustible con xeración de hidróxeno a partir de aluminio.

IES Manuel Chamoso Lamas

E-mobilidade STEM FP

IES Ordes

CAROTALI: Modificación xenética de lévedos para a produción de β-caroteno

CIFP Coroso

Innovación no sector da química

CIFP Politécnico de Santiago

Recuperación e atemperado da gaita porteña e outras gaitas de chaves galegas

CIFP Politécnico de Santiago

Follow me 5.0

CIFP Universidades Laboral

Materiais universais para a estimulación sensorial

CIFP Imaxe e Son

Análise da calidade do aire a través de bioindicadores

CIFP Ánxel Casal – Monte Alto

Biomateriais sostibles, de residuos orgánicos a bioplásticos e biofilms

CIFP Valentín Paz Andrade

Innovación no sector da sanidade

CIFP Ánxel Casal – Monte Alto

Biomobilario: mobles sostibles con ecorresinas e madeira

CIFP Valentín Paz Andrade

ORTI_table: experiencia multisensorial a través de mobiliario intelixente

IES de Ortigueira

Plataforma isoinercial

IES Laxeiro

CultivaEduca

CIFP As Mercedes

ErgoProtect

IES Plurilingüe de Valga

Agricultura de precisión en cultivos galegos km 0

IES Plurilingüe de Valga

Simulación loxística: maqueta e software Odoo para xestión de almacén

CIFP Fontecarmoa

Retos 5G

IES Urbano Lugrís

Realidade mixta: innovando na xestión de medicamentos

CIFP Montecelo

Simulador de cabina de seguridade biolóxica: adestramento en realidade estendida e multiusuario

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Banco de probas hidráulicas: formación práctica para mantemento de instalacións

CIFP As Mercedes

Mantemento 4.0 para sistemas de transmisión industrial

CIFP Fontecarmoa

Inteligence picking: sistema de automatización de almacéns mediante robótica móbil e IA

CIFP Politécnico de Lugo

Listaxe de proxectos de emprendemento

Centro educativo

Título

CIFP Portovello

Floutin City

CIFP Valentín Paz Andrade

Sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas

CIFP Politécnico de Lugo

Coidado activo e preventivo de persoas maiores

IES A Pinguela

Colección textil reciclada

IES Perdouro

Peinouro Cosmética

IES San Rosendo

Gardafungos

IES de Foz

Contrampa

IES A Pinguela

Alfaia de arxila

IES A Pinguela

InspirArte

CIFP Politécnico de Lugo

OLAgrama

CIFP Politécnico de Lugo

FotoInnovArt3D

CIFP Politécnico de Lugo

A mochila científica

CIFP Politécnico de Lugo

Cala e fala

CIFP Audiovisual de Vigo

Nena do Demo Films

CIFP Audiovisual de Vigo

Ondamar Films

CIFP Audiovisual de Vigo

Producciones Luart

CIFP Valentín Paz Andrade

Möka Galicia

CIFP As Mercedes

SPECIALIZEDRON

CIFP Universidade Laboral

A Coruña desde o mar

CIFP Politécnico de Santiago

Plantas In Vitro

Obradoiros

Título

Centro educativo

Impresión 3D

CIFP Ferrolterra

A maxia do Stop Motion

CIFP Audiovisual de Vigo

Creación de contido mediate IA

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Creación de videoxogos e realidade virtual

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Introdución á biotecnoloxía

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto

Servizos estéticos de coidado persoal

CIFP Someso

Ciencia na cociña

CIFP Carlos Oroza

Maridaxe de fermentados sólido-líquido

CIFP Vilamarín

Cociña italiana

IES de Foz

Gofres e crepes gourmet

CIFP Fraga do Eume

Novas presentacións para coctelería sen alcohol

CIFP Compostela

DJ-aula

IES Arcebispo Xelmírez I

Grafi-aula: estampaxe personalizada

CIFP Leixa

O camiño da innovación

CIFP Ánxel Casal - Monte Alto

Circuíto robótico

CIFP Politécnico de Lugo

Data de actualización: 23/03/2025