Alumnos de xestión forestal e do medio natural de Lourizán farán unha viaxe formativa a Aragón
No percorrido, que terá lugar a vindeira semana, os estudantes e os seus profesores coñecerán o Instituto de Formación Agroambiental de Jaca e percorrerán diferentes espazos naturais da propia comunidade aragonesa e tamén da provincia de Burgos
Esta experiencia práctica encádrase en varios módulos formativos, como son os de botánica agronómica, maquinaria e instalacións agroforestais, técnicas de educación ambiental, defensa contra incendios ou xestión da conservación do medio natural
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025
Un grupo de alumnos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (CFEA), adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, da Consellería do Medio Rural, realizarán a vindeira semana unha viaxe de formación a Aragón, organizado en colaboración co Instituto de Formación Agroambiental (IFA) do Goberno desa comunidade autónoma.
En concreto, trátase dunha ducia de estudantes de Lourizán, que corresponden ao 2º curso do Ciclo de Grao Superior de Xestión Forestal e do Medio Natural e que durante a súa estadía terán a oportunidade de realizar, en compañía dos seus profesores, unha visita formativa e de prácticas no devandito IFA.
Así, coñecerán as instalacións deste centro, con medio século de historia e que dispón dun xardin-arboreto cunha ampla colección de árbores e arbustos propios do Pirineo e doutras latitudes; dunha granxa cinexética con individuos de perdiz vermella e faisán común; dunha pequena explotación apícola; de viveiros; de naves de máquina forestal e dunha aula de interpretación do patrimonio natural, entre outros servizos. Ademais, os alumnos visitarán o centro pirenaico de referencia para a xestión de riscos de montaña, onde se monitoriza o risco de aludes na rexión.
Ademais, a visita do alumnado do centro pontevedrés tamén se complementará con rutas de sendeirismo por espazos naturais da comunidade aragonesa, caso do Val de Echo e Parque Natural Valles Occidentales ou o Parque Nacional de Ordesa-Monte Perdido. Tamén realizarán prácticas de xestión de especies piscícolas e pesca continental no río Aragón, nunha área próxima ao propio IFA de Jaca. De regreso a Galicia, o grupo fará unha parada en Burgos, para realizar unha visita ao Parque Natural de Montes Obarenes-San Zadornil e ao seu Centro de interpretación.
Esta experiencia práctica dos alumnos de Lourizán encádrase en varios módulos formativos, como son os de botánica agronómica, maquinaria e instalacións agroforestais, técnicas de educación ambiental, defensa contra incendios forestais ou xestión da conservación do medio natural, de montes ou da pesca continental, entre outros.