A Xunta activa a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego

Incídese na importancia de seguir as medidas de protección e de extremar as precaucións, e aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, o Goberno galego informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros

Suspéndese a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo fenómeno meteorolóxico adverso

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025

A Xunta vén de activar a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro en todo o litoral galego. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde esta medianoite no litoral de Pontevedra e suroeste da Coruña, e desde as primeiras horas da mañá do sábado no resto da costa coruñesa e na Mariña de Lugo. Prevese vento do noroeste de ata forza 8 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros.

Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende mañá a actividade deportiva federada no mar en todo o litoral a causa da alerta laranxa por fenómeno costeiro, segundo as previsións dos órganos preditores. A limitación rexerá todo o día.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/03/2025