A Xunta licita o contrato para dotar de servizo de abastecemento de auga a dous núcleos poboacionais no concello de Vilamarín por preto de 230.000 euros

As empresas interesadas teñen de prazo ata o 3 de abril para presentar as súas ofertas para a execución das obras, que contan con cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional

Os traballos buscan dotar de auga potable á veciñanza dos lugares de Xagrade e O Vilar mediante a captación de auga potable dunha condución xa existente no concello veciño da Peroxa

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2025

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, licitou o contrato para dotar de servizo de abastecemento de auga potable aos núcleos de poboación de Xagrade e O Vilar, no concello ourensán de Vilamarín por importe de preto de 230.000 euros.

O contrato licitado, que conta con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), permitiría executar o proxecto deseñado polo Goberno local para captar auga dunha condución existente no concello veciño da Peroxa e derivar o caudal preciso para cubrir as necesidades da poboación deses dous núcleos de poboación, pois a subministración de caudal estaría garantida.

Os traballos consistirán na execución da derivación para a captación de auga na condución existente, a instalación dun contador de medida, a canalización no cruzamento coa estrada N-540, a instalación de tubaxes baixo foxo nunha lonxitude aproximada de 2,5 quilómetros e a colocación de elementos auxiliares, válvulas, bocas de rego así como outros equipamentos necesarios para o seu correcto funcionamento.

As empresas interesadas no contrato teñen de prazo ata o 3 de abril para presentar as súas ofertas. Despois, unha vez adxudicado, a empresa gañadora contará cun prazo de tres meses para a execución das obras.

Esta actuación –na que o Executivo galego asume máis do 90% do investimento e o Concello de Vilamarín a porcentaxe restante- enmárcase na estratexia da Xunta de prestar apoio técnico e financeiro aos concellos na mellora dos servizos de saneamento e abastecemento -de competencia municipal- ofrecendo unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga para cubrir o mellor posible as necesidades neste eido do conxunto da cidadanía.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2025 ascende a 144 millóns de euros, dos que 73 millóns de euros teñen como fin a mellora das infraestruturas do ciclo da auga para seguir optimizando a xestión da auga, facendo un uso eficiente dela e reducindo a pegada hídrica no conxunto da comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento.

Data de actualización: 23/03/2025