A directora xeral de Patrimonio Natural visitou o Parque Natural Fragas do Eume

A Xunta reabre ao público a ponte colgante de Cal Grande tras investir 115.000 euros na súa rehabilitación

Pontedeume (A Coruña), 24 de marzo de 2025

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou hoxe o Parque Natural Fragas do Eume e a ponte colgante de Cal Grande, unha pasarela que reabre ao público tras concluír as obras de reparación realizadas co fin de deixala plenamente operativa e que supuxeron un investimento por parte da Xunta de arredor de 115.000 euros.

Os traballos consistiron no desmontado secuencial do taboleiro da ponte, da varanda, do cordón de sustentación e demais elementos, que foron substituídos por outros novos, así como no pintado de toda a infraestrutura.

As actuacións realizadas permiten reabrir a ponte ao público coas máximas garantías de seguridade tanto para os visitantes como para os pescadores da zona. Deste xeito mellórase a accesibilidade do Camiño dos Encomendeiros, que é a máis transitada do parque natural.

Deste xeito complétanse os labores de rehabilitación iniciados en 2022, cando nos traballos iniciais se detectaron danos estruturais na obra oculta, que fixeron necesaria a redacción dun novo proxecto para corrixir esas deficiencias.

Neste sentido, a Xunta prevé iniciar tamén este ano a rehabilitación integral da ponte colgante de Fornelos -a outra pasarela existente no parque natural-, na que se desenvolverán practicamente os mesmos traballos cun investimento moi similar. A previsión é poder comezar as actuacións ao longo deste exercicio.

O espazo

As Fragas do Eume foron declaradas Parque Natural en 1997, dando protección a unha superficie de máis de 9.000 hectáreas que se reparten entre os concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez.

Este espazo atópase nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o río. Estas características explican por que é a día de hoxe unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa. Desde o ano 2023 conta cun Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) aprobado pola Xunta que prevé 8,5 millóns de euros de investimento para os seus 10 anos de vixencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/03/2025