Rueda destaca que a Xunta destinará máis de 5,4 M€ á construción dun novo centro de saúde no barrio ferrolán de San Xoán
Salienta que dará servizo “a máis de 10.000 veciños” dos barrios de San Xoán, Catabois e Santa Cecilia
O Executivo galego reforzará a atención primaria da cidade departamental cun novo centro sanitario de 2.400 m2
Contará cun cadro de persoal composto por 8 médicos, 8 enfermeiras, 1 auxiliar de enfermaría, fisioterapeutas, traballador social,matrona e persoal de servizos xerais
A nova infraestrutura sanitaria reservará espazos para albergar actividades vinculadas aos servizos sociais
A previsión é licitar o proxecto de obra no primeiro semestre de 2026
Ferrol, 24 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá que o Goberno autonómico vai construír un novo centro de saúde no barrio ferrolán de San Xoán co que “dar servizo a máis de 10.000 veciños” e que terá un investimento de máis de “5,4 millóns de euros”.
Así, tal e como explicou Rueda, unha vez que o Concello de Ferrol “ceda a parcela” ao Servizo Galego de Saúde, e se realicen os trámites necesarios, a Consellería de Sanidade procederá á licitación do proxecto desta nova infraestrutura sanitaria que optimizará a atención primaria na cidade departamental.
Segundo o seu plan funcional, o novo centro de saúde prestará asistencia sanitaria a máis de 10.200 usuarios que actualmente reciben a atención médica no principal centro de saúde da cidade, o Fontenla Maristany. Ademais, o presidente explicou que prestará asistencia á poboación adulta (maiores de 14 anos) “dos barrios de San Xoán, Catabois e Santa Cecilia”. A atención pediátrica manterase no Fontenla Maristany.
No que atinxe á planificación dos espazos prevese que o novo centro de saúde conte con 2.400 m2 de superficie construída que se distribuirá en 6 consultas de medicina, 6 consultas de enfermaría, 2 consultas de fisioterapia, 1 consulta de matrona e 1 de traballador social, 3 salas de docencia, 1 sala polivalente e 2 salas de técnicas.
Ademais, a nova infraestrutura sanitaria reservará espazos para albergar actividades vinculadas aos servizos sociais.
En canto aos recursos humanos, o centro de saúde de San Xoán dotarase cun cadro de persoal composto por 8 médicos, 8 enfermeiras, 1 auxiliar de enfermaría, traballador social, fisioterapeutas, matrona e persoal de servizos xerais.
A previsión é que a licitación do proxecto e dirección de obra do novo centro de Saúde de San Xoán se realice no primeiro semestre de 2026.