A Xunta licita por máis de 1,5 M€ as obras que completarán a humanización da travesía de Albarellos, no concello de Monterrei
A intervención na estrada OU-143 inclúe a construción de dous treitos de senda peonil, dando continuidade ao tramo habilitado en 2021 e acadando un itinerario continuo de máis de 1,1 km
O obxectivo de incrementar a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños e dos peregrinos, xa que esta zona coincide coa Vía da Prata do Camiño de Santiago
Tamén se humanizará toda a contorna, coa colocación de novos puntos de luz, e plantaranse árbores como carballos e sobreiras e disporanse bancos
O prazo para que as empresas interesadas presenten ofertas rematará o 21 de abril
O obxectivo da Xunta é poder comezar os traballos este mesmo verán, co obxectivo de telos rematados a mediados do próximo ano
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia alega de Infraestruturas, vén de licitar por un investimento de 1.559.597 euros as obras que completarán a humanización da travesía de Albarellos, no concello de Monterrei.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 21 de abril.
A intervención obxecto deste contrato inclúe a construción de dous treitos de senda peonil na travesía da estrada OU-143, dando así continuidade ao tramo xa habilitado no ano 2021.
Trátase de acadar un itinerario continuo, accesible e máis seguro, ata sumar algo máis de 1,1 quilómetros de lonxitude. O obxectivo desta intervención é así incrementar a seguridade nos desprazamentos a pé dos veciños e tamén dos peregrinos, xa que esta zona coincide co paso da Vía da Prata do Camiño de Santiago.
Na intervención tamén se prevé o acondicionamento do firme nesta vía e tras a execución das obras, tramitarase o cambio de titularidade da estrada en favor do Concello.
O proxecto tamén contempla a humanización da contorna, pois colocaranse novos puntos de luz, plantaranse árbores como carballos e sobreiras e disporanse bancos.
Esta actuación integral dará como resultados un percorrido seguro e sostible para os viandantes e unha área cunha estética renovada e amable, para o desfrute dos veciños e dos visitantes.
O departamento que dirixe María M. Allegue traballa coa previsión de poder comezar os traballos este mesmo verán, co obxectivo de telos rematados a mediados do próximo ano.