Medio Rural e a Unidade Militar de Emerxencias reforzan a súa colaboración na loita contra o lume
A conselleira do Medio Rural recibiu no Centro de Coordinación Central de San Lázaro ao tenente coronel de infantería Daniel Constantino Casado, xefe do V batallón de intervención da UME
Púxose en valor a importancia da cooperación institucional para abordar esta problemática e avanzouse, asemade, na mellora dos protocolos de coordinación con vistas á campaña de maior risco de lumes, que coincide co verán
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuniuse hoxe co tenente coronel de infantería Daniel Constantino Casado, xefe do V batallón de intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), que realizou unha visita ao Centro de Coordinación Central (CCC) de loita contra os incendios forestais da Xunta.
No encontro, que tivo lugar nas instalacións deste centro en San Lázaro, abordouse o reforzo da coordinación e a colaboración que se vén mantendo entre o Goberno galego e o Exército en materia de loita contra o lume, tanto a nivel xeral como, especificamente, con esta unidade.
Así, púxose en valor a importancia da cooperación institucional para abordar esta problemática e, por parte dos responsables da Consellería, explicouse ao tenente coronel a operatividade do CCC, desde onde se coordinan -no ámbito autonómico- os labores de extinción de incendios forestais.
Ademais, os representantes de Medio Rural subliñaron a contribución da UME como importante reforzo do dispositivo da Xunta, especialmente en situacións de alta actividade incendiaria. Nestes casos, a unidade intégrase baixo o mando único da Consellería. Na xuntanza avanzouse, asemade, na mellora dos protocolos de coordinación con vistas á campaña de maior risco de lumes, que coincide co verán.