O presidente foi entrevistado polo alumnado de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe ‘Sagrado Corazón de Jesús’ de Pontevedra
Rueda anima aos escolares galegos a esforzarse no día a día para estar mellor preparados para o futuro
Afirma que sente moito agradecemento e tamén responsabilidade por cumprir cos compromisos que adquiriu cos galegos
Confesa que ás veces na política discútese por “parvadas” pero di que en Galicia acontece menos porque “aquí temos sentidiño”
Pontevedra, 30 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou aos escolares galegos a esforzarse e estudar moito no día a día para poder estar mellor preparados e facerlle fronte aos desafíos que lles agardan no futuro, tendo en conta que “o colexio é algo que marca moitísimo”.
Rueda someteuse “sentindo moita responsabilidade” ás preguntas dos alumnos de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra -no que estudaron as súas dúas fillas-. O presidente galego tivo que dar contas sobre a súa formación, os seus estudos de Dereito, as súas funcións á fronte da Xunta ou a importancia de saber formar equipos e liderar grupos de traballo.
“A preparación nunca sobra, así que vos pediría que vos formedes, que estudedes con forza e que levedes unha vida san”. Rueda respondía así a un dos alumnos que lle preguntaba sobre que podían facer os nenos e nenas para axudar a mellorar a nosa comunidade. Na súa resposta, quixo abundar na “responsabilidade e agradecemento” que sente “para non errar, para facer as cousas que dixen que ía facer cando pedín a confianza da xente”.
O alumnado tamén se amosou moi interesado pola mala imaxe que ás veces dá a clase política e mesmo lle interpelaron sobre se “aos políticos lles viría ben vir á nosa clase para aprender a traballar en equipo”. Rueda confesou que “hai moitos días que eu tampouco entendo a algúns políticos”, pero asegurou que “en Galicia discutimos un pouco menos do que discuten noutros sitios, porque aquí temos sentidiño”, para concluír que sempre é bo negociar para chegar a acordos. “Ás veces discútese por parvadas e ultimamente na política pasa moito”, lamentou.
A entrevista concedida polo presidente da Xunta ao alumnado de 4º de Primaria do CRP Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús enmárcase na X edición do proxecto editorial ‘Faro da Escola’, de Faro de Vigo, unha iniciativa que procura achegar a prensa e os xornais aos centros educativos da provincia de Pontevedra.