Educación e o Concello de Mos colaboran para implantar o ciclo de FP de soldadura e caldeiraría

Román Rodríguez asina un convenio de colaboración coa alcaldesa, Nidia Arévalo, que permitirá impartir estas ensinanzas do Instituto de Mos

O acordo, con vixencia inicial de catro anos, facilita ampliar a oferta formativa da familia profesional de Fabricación Mecánica na área de Vigo

Mos (Pontevedra), 29 de xullo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asinou hoxe coa alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, un convenio de colaboración para a implantación das ensinanzas do ciclo formativo de grao medio de Soldadura e Caldeiraría, da familia profesional de Fabricación Mecánica. Esta novidade súmase así á oferta do Instituto de Mos. 

Este acordo terá unha vixencia inicial de catro anos prorrogable, permitirá impartir estas ensinanzas xa no curso 2026/27 nas instalacións do Centro de Formación Ocupacional do Concello, dotado dun taller de soldadura completamente equipado. “Esta ampliación da oferta permitirá reforzar áreas con alta demanda de emprego, contribuíndo a que o alumando conte cunha formación cada vez máis especializada e adaptada ás necesidades reais das empresas”, subliñou o titular de Educación. 

No marco deste convenio, a Consellería autoriza a posta en funcionamento e organización do ciclo por parte do Instituto de Mos e asume a achega do profesorado necesario, así como os gastos de material funxible e produtos consumibles. Pola súa banda, o Concello de Mos cede as instalacións e o equipamento necesario para o desenvolvemento das ensinanzas e asume o mantemento e os gastos xerais de funcionamento do centro. 

Máis oportunidades de formación

A implantación deste ciclo reforza a oferta de Formación Profesional na área de Vigo e responde á aposta da Xunta por adaptar as ensinanzas ás necesidades do tecido produtivo e favorecer a cualificación profesional en sectores con elevada demanda de persoal especializado, como é o caso da familia profesional de Fabricación Mecánica.

Para o curso 2026/27, Galicia contará con 50.244 prazas de Formación Profesional, o que supón un incremento de 1.080 prazas (+2,2%) respecto do curso anterior. Na provincia de Pontevedra ofértanse 16.973 prazas, 170 máis (+1,01%), mentres que na área de Vigo a oferta ascende a 11.221 prazas, 181 máis (+1,64%). No caso concreto de Mos, o ciclo de Soldadura e Caldeiraría, obxecto deste convenio, conta actualmente xa con 22 persoas matriculadas. A oferta complétase co grao básico de Servizos Comerciais e cinco ciclos concertados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2026