A Comunidade de Usuarios de Dorna, en Cerdedo-Cotobade, mellorou as condicións estruturais do seu depósito de augas grazas a unha axuda da Xunta
Máis de 100 entidades da área territorial de Pontevedra recibiron un total de máis de 1 millón de euros para mellora das súas instalacións e compra de material
O delegado territorial o compromiso da Xunta co apoio ás comunidades de usuarios
A nova convocatoria desta liña de axudas conta cun orzamento de 4 millóns de euros, un máis que o ano pasado
Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 31 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou, acompañado polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, as instalacións da Comunidade de Usuarios de Dorna, que recibiu unha axuda de 12.000 euros da Xunta para mellorar as súas infraestruturas.
Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de Administración Local, beneficiaron a máis de 100 entidades na área territorial de Pontevedra, cunha achega total nesta área de máis de un millón de euros entre a liña destinada a obras e a destinada a compra de material. No concello de Cerdedo-Cotobade tamén se beneficiou destas axudas a Comunidade de usuarios de San Xurxo de Sacos; a Comunidade de usuarios de Susteliños Cutian; a Comunidade de usuarios Coto e Galo; e a Comunidade de usuarios de augas de A Rascadeira-Cotobade. O total investido neste concello foi de 58.000 euros.
No caso da comunidade de usuarios de Dorna, a axuda da Xunta permitiu mellorar a impermeabilización do depósito coa aplicación de morteiro cementoso impermeable de uso sanitario no interior do mesmo. Ademais, aproveitáronse os traballos para realizar unha limpeza do interior do depósito. A axuda tamén permitiu acondicionar a zona dos mananciais, desbrozando o seu perímetro, mellorando o peche da zona e limpando e recolocando as mangueiras.
O delegado aproveitou a visita para lembrar o apoio da Xunta a este tipo de asociacións que considera “imprescindibles para o bo funcionamento das zonas máis rurais”. Reguera tamén felicitou á directiva da Comunidade de Usuarios de Dorna por “levar a cabo un traballo impecable e de forma completamente altruísta”.
Nova convocatoria
A nova convocatoria destas subvencións contará con un millón de euros máis de orzamento que a edición pasada, chegando aos 4 millóns de euros. Deste xeito, preténdese dar resposta ao éxito da convocatoria nos últimos anos. De feito, o ano pasado os 3 millóns de orzamento investíronse en 341 proxectos de obras e equipamento en locais sociais ou nas traídas de auga de toda Galicia.
Así, esta nova convocatoria consta de dúas liñas: unha de 3,4 millóns de euros para obras de acondicionamento nos locais de asociacións de veciños ou de mulleres rurais e nas traídas de auga das comunidades de usuarios de augas, e outra cos 600.000 euros restantes reservadas á dotación de equipamento.
As axudas económicas concedidas poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros no caso da liña de obras e de 5.000 euros na de equipamento.
Dende a sua posta en marcha, no ano 2016 e ata o 2024, esta liña de axudas permitiu levar a cabo iniciativas a case 2.000 entidades por valor de 22 millóns de euros.