O conselleiro de Sanidade interveu na sesión de apertura do XXVIII Congreso Nacional de Informática da Saúde: Infors@lud 2025, que organiza a Sociedade Española de Informática da Saúde (SEIS)

Gómez Caamaño destaca a aposta de Galicia pola transformación dixital e as novas tecnoloxías para a mellora do sistema asistencial

O Servizo Galego de Saúde leva investidos máis de 200 millóns de euros no ámbito da transformación dixital

O nivel de dixitalización da sanidade en Galicia permite automatizar diferentes procesos e tarefas e monitorizar máis de 16.000 pacientes crónicos na comunidade

Gómez Caamaño remarca a importancia que terá o uso masivo de datos e o emprego da intelixencia artificial no desenvolvemento da Sanidade do futuro

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde de xeito telemático na sesión de apertura do XVIII Congreso Nacional de Informática da Saúde, un encontro no que destacou a aposta da Xunta pola transformación dixital e as novas tecnoloxías para mellorar o sistema asistencial galego.

Segundo precisou o máximo responsable da Sanidade galega, o impulso de estratexias dixitais supón un aliciente para o desenvolvemento e a integración de solucións tecnolóxicas dentro do Servizo Galego de Saúde, “uns novos modelos de atención sanitaria que permitirán acadar unha maior eficiencia, calidade e sustentabilidade dos servizos”.

Neste senso, puxo o foco na importancia que ten xa o uso masivo de datos no eido da sanidade, así como a medición dos seus resultados, remarcando o investimento de máis de 200 millóns de euros que o Servizo Galego de Saúde leva investidos no ámbito da transformación dixital.

Gómez Caamaño exemplificou esta aposta da Xunta pola dixitalización lembrando a evolución da Historia Clínica Electrónica (IANUS) coa que se dotou o Servizo Galego de Saúde, un proxecto transversal que facilita o acceso á información clínica por parte dos profesionais e usuarios do sistema sanitario público galego.

Ademais, abundou, o nivel de dixitalización da Sanidade galega posibilita automatizar diferentes procesos e tarefas e tamén monitorizar a máis de 16.000 pacientes crónicos da nosa comunidade.

Por último, referiuse á aposta do Executivo galego por introducir de xeito progresivo a intelixencia artificial na Administración pública e o obxectivo de converter Galicia nun polo de innovación sanitaria e unha autoridade do ámbito da saúde dixital.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2025