Xunta, Autoridade Portuaria de Vigo e Zona Franca asinan a compravenda de nove parcelas na Plisan para poñer á disposición das empresas case 42.000 m²
Os terreos atópanse nas zonas LE-1 e LE-2 e neles promoveranse novos complexos nos que se poderán edificar naves modulares para ser comercializadas
Trátase de incrementar as oportunidades de investimento e de negocio na área empresarial de Vigo
Vigo, 2 de abril de 2025
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, e o delegado especial do Consorcio Zona Franca, David Regades, asinaron hoxe a compravenda de nove parcelas na Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra–As Neves (Plisan) para poñer a disposición do tecido da área empresarial de Vigo preto de 42.000 m² e dar así resposta á alta demanda de solo.
En concreto, nestes terreos situados nas zonas LE-1 e LE-2, promoveranse novos complexos nos que se poderán edificar naves modulares para ser comercializadas en réxime de arrendamento co obxectivo de incrementar as oportunidades de investimento e de negocio e xerar riqueza e emprego.
Neste sentido, a directora xeral, sinalou que con este novo impulso da Administración autonómica e da Administración estatal danse novos pasos para o desenvolvemento económico e industrial e para atraer novos proxectos na área viguesa.
A actuación enmárcase na estratexia industrial do Goberno galego baseada en facilitar o asentamento de novas empresas en Galicia e ampliar as que xa están implantadas na Comunidade Autónoma.